Unha galega, historia en Maine

A compostelá Blanca Millán anota 28 puntos contra Harvard e acada un récord coa mellor porcentaxe de tiro da historia (92,3%) na súa universidade, que databa de decembro do 2005.

Por gcdeportes | Compostela | 13/11/2017 | Actualizada ás 09:05

Comparte esta noticia

“A new Maine record”. Exhibición ofensiva da galega Blanca Millán no arrinque do curso na NCAA. Na vitoria de Maine sobre Harvard por 76-51, a xogadora compostelá batía o récord da súa universidade coa mellor porcentaxe de tiro na historia das Black Bears: un espectacular 92,3%, con tan só un erro en todo o partido.

A compostelá Blanca Millán, coa camisola de Maine.
A compostelá Blanca Millán, coa camisola de Maine. | Fonte: UMaineAthletics

Foi o serán do sábado no Memorial Gym. A sophomore (estudante de segundo ano) galega rematou o encontro con 28 puntos e uns espectaculares 12/13 en tiros de campo e un 4/4 en triplas en 28 minutos sobre a pista. Deste xeito, con seu 92,3% de acerto, superaba o rexistro de Katie Whittier (91,6% contra North Carolina), vixente dende decembro do 2005.

A xogadora galega convertiu os seus sete lanzamentos no primeiro tempo, e os nove primeiros que tentou. Foi no arrinque do último cuarto cando errou o seu único tiro. Acabou con 12/13 en tiros de campo, con 8/9 en tiros de dous e 4/4 en triplas. Ademáis, a compostelá sumou 5 rebotes, 2 asistencias e un roubo.

Esta é a segunda temporada de Blanca Millán (Compostela, 1998) na Universidade de Maine, a onde marchou en agosto do 2016 despois de toda unha vida formándose na canteira do Peleteiro de Santiago.

“Blanca Millan's .923% field goal percentage (12-13) against Harvard is a new Maine record! Millan broke Katie Whittier's record of .916% (11-12) against North Carolina A&T on 12/29/05”, foi o chío de @BlackBeersWBB para celebrar a xesta de Blanca Millán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta