Álex Marque, dous anos máis

O ciclista estradense de 36 anos renova por dúas temporadas co Sporting-Tavira co obxectivo de loitar de novo pola Volta a Portugal e repetir o título do 2013. “Temos un bloque forte e a ver se podemos rachar a hexemonía do FC Porto”.

Por gcdeportes | Compostela | 08/11/2017 | Actualizada ás 09:02

Comparte esta noticia

Rachar a hexemonía do W52-FC Porto. O ciclista estradense Álex Marque, con 36 anos, renova por dúas temporadas co Sporting-Tavira portugués co obxectivo de loitar unha vez máis pola vitoria na Volta a Portugal e repetir o título acadado no 2013.

Alex Marque, na pasada Volta a Portugal.
Alex Marque, na pasada Volta a Portugal. | Fonte: Facebook

“É unha casa que xa coñezo, na que sempre fun ben tratado. Estar cómodo ao final é unha das cousas máis importantes nas que basei esta renovación. E tamén saber que temos un plantel reforzado para o vindeiro ano estar na loita pola vitoria na Volta a Portugal. Imos tentar estar aí”, asegura o estradense.

Ademáis, despois de mudar de equipo en cada campaña durante os últimos anos, Marque firma un contrato para dúas temporadas. “Asinamos dous aniños que nos dá un pouco máis de tranquilidade para afrontar os vindeiros retos. A verdade é que estou moi a gusto aquí no Sporting Tavira, foi un equipo no que xa estiven anterioremente catro anos, despois voltei e agora levo un ano”.

Dende o 2012 no que o compostelán David Blanco gañou con Efapel, a estrutura do W52-FC Porto (antes OFM-Quinta da Lixa) conseguiu cinco títulos consecutivos, o primeiro co propio Marque, da Volta a Portugal. “Temos un bloque forte con Rinaldo Nocentini, Joni Brandao e comigo. Esperemos xogar as bazas e a ver se podemos rachar coa hexemonía do W52-FC Porto, poder plantarlle cara e a ver se conseguimos esa vitoria”.

Unha campaña máis, o rival a bater será o W52-FC Porto do seu amigo o arousán Gustavo César Veloso: Marque venceu na Grandíssima no 2013, Veloso foi campión no 2014 e 2015. No 2016, Veloso foi segundo; no 2017, Marque rematou quinto.

Álex Marque, na contrarreloxo da última Volta a Portugal.
Álex Marque, na contrarreloxo da última Volta a Portugal. | Fonte: volta-portugal.pt

Dende o seu salto ao ciclismo profesional en 2004, Álex Marque desenvolveu toda a súa carreira no ciclismo portugués, pasando polos mellores equipos do pelotón do país veciño: Boavista, Tavira, Louletano, Quinta da Lixa, Efapel, LA Aluminios Antarte e agora de novo no chamado Sporting-Tavira .

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta