Melloran a calidade nutricional da carne de tenreira galega cunha dieta de bagazo de uva

Científicos do Centro Tecnolóxico da Carne en Ourense demostran os beneficios dunha alimentación con residuos de uva tinta nestes animais, contribuíndo a reducir o contido de ácidos graxos saturados na graxa intramuscular.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 07/11/2017 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

A calidade nutricional da carne de tenreira galega suprema aumenta con suplementos de bagazo de uva tinta na súa dieta. Así o comprobaron científicos do Centro Tecnolóxico da Carne en Ourense tras levar a cabo un experimento con 40 tenreiros.

Tenreira galega.
Tenreira galega.

Os autores do estudo salientan que até o de agora non había investigacións previas sobre a suplementación da dieta da tenreira con subprodutos de alto poder antioxidante. O seu obxectivo foi mellorar a calidade nutricional da carne de tenreira mediante o valor engadido de subprodutos do sector vitivinícola, avaliando o efecto do bagazo de uva como suplemento na dieta de tenreira sobre a calidade da carne. 

Os científicos aplicaron durante dous meses catro tratamentos distintos nos animais, cun 0%, 33%, 66% e 100% de bagazo. Unha vez que se sacrificaron os animais, analizouse o efecto do nivel de inclusión do bagazo de uva no perfil de ácidos graxos. E comprobaron que a maior administración de suplementos (100%) de bagazo de uva en tenreiros contribuíu a que o contido de ácidos graxos saturados fose menor na graxa intramuscular, mellorando as características nutricionais da carne de tenreira.

"A suplementación na dieta dos tenreiros con maior proporción de bagazo favorece o maior grao de insaturación dos lípidos intramusculares, transfiriéndolles mellores propiedades nutricionais á carne", conclúen os autores deste recente estudo, liderado pola investigadora Teresa Moreno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta