Oito charlas de 15 minutos con ideas para un futuro en galego

A Sala Capitol de Compostela acollerá o LGx15, un evento que, a través das olladas dun grupo de persoas de diferentes ámbitos, tentarán aportar argumentos para seguir usando a lingua do país.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/10/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Unha médica psiquiatra; un músico, mestre e pai; un director de dobraxe; a editora xefa dunha revista de tendencias; unha youtubeira e instagrameira; dous tradutores cooperativistas; un humorista; e catro rapaces e rapazas de instituto reflexionando sobre o futuro da lingua... Todo isto, xunto con música e humor é o LGx15, un evento que, nesta súa terceira edición, terá lugar o xoves 9 de novembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela.

Eidición do 2016 do LGx15
Eidición do 2016 do LGx15

Serán oito charlas breves en que se transmitirán de maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do idioma. Este evento contará con voces ben diversas: Alonso Caxade (músico, mestre e pai, que falará sobre crianza e docencia), Cecilia Fernández (editora xefa da revista Coolt, quen achega as tendencias ao LGx15), Iria Veiga (médica psiquiatra, que vai presentar a síndrome do Noroeste) ou José Antonio Rubal (especialista en dobraxe e en "ondas vitais" para o galego). 

Tamén estará Nuria Espasandín (estudante, youtubeira e instagrameira, que ten claro que o galego non é unha peza de museo), Patricia Buxán e Miguel Braña (tradutores e socios de Catro Ventos Editora, que van falar da importancia da lingua na economía social), Pedro Brandariz (humorista que sabe que se poden conseguir moitos avances facendo o humor), e Alba García, Fátima Fathallah, Brais García e Jonathan Blanco (estudantes e participantes no Club de Debate do IES Xulián Magariños de Negreira, que achegarán ideas para o futuro da lingua entre a xente moza).

Terceira edición

Isto é o LGx15, que neste 2017 chega á súa terceira edición con intervencións dun máximo de 15 minutos en que as persoas convidadas falarán de lingua, pero tamén de práctica médica, de crianza, de docencia, de tendencias, de pelis e debuxos dobrados, de economía social, de humor, de mocidade... Diferentes temas para axudar a reflexionar sobre o futuro da nosa lingua con novos argumentos e alento reforzado. E haberá tamén nesta nova edición música en directo e humor da man de MJ Pérez.

As entradas para este evento xa están á venda ao prezo de 6 euros (na rede en www.salacapitol.com, e fisicamente nos próximos días na Tenda A Reixa de Compostela. O día do evento, en caso de quedaren dispoñibles, custarán 10 € na billeteira).

Outros participantes

Polas dúas primeiras edicións do LGx15 xa pasaron persoas como Luís Iglesia, Xurxo Mariño, Lara Tigre, Manuel N. Singala, Carmen Grimaldi, Xosé Lois Vilar, AldaoLado, Alba María, Xenderal, María Yáñez, Alberte Lamazares, Bolboretas no Bandullo, Rosalía Fernández Rial, Belén Regueira, Mark Wiersma, Elena Ferro, Marcus Fernández, Josiño da Teixeira, Luís O Caruncho ou os Poetarras. E os vídeos desas diversas charlas poden verse en Youtube, pois unha parte fundamental deste proxecto é tamén a difusión desas ideas a través da rede.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Carmen Pena López

Paréceme unha boísima idea voso traballo. Lástima que viva en Madrid e non poda achegarme. Carmen Pena. Vilalbesa e Historiadora da Arte