As verdades e as mentiras da actuación dos servizos de emerxencia do domingo negro dos lumes

Non houbo máis de 5.000 efectivos, como asegura a Xunta, senón pouco máis de 400, e a súa coordinación foi persoal a base de whatsapps, sen a intervención dun mando coordinado. O vento puido ter provocado numerosos focos, mesmo a 300 metros de distancia.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 20/10/2017 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Estes días son moitas as informacións sobre o que aconteceu durante a terrible vaga de lumes. A Xunta e a delegación do Goberno en Galicia insisten en que houbo control da situación e que foron máis de 5.000 os efectivos que estiveron traballando para sufocar os incendios. Unhas cifras que, para nada, coinciden coas que aportan os profesionais dos servizos de emerxencia. Tampouco hai coincidencia nas causas dos lumes, nin nos culpables dos mesmos.

Un helicóptero sobrevoa o punto verde de Fragoselo, en Coruxo (Vigo), no que se atopa a planta de biomasa, totalmente arrasado polo lume da vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro
Un helicóptero sobrevoa o punto verde de Fragoselo, en Coruxo (Vigo), no que se atopa a planta de biomasa, totalmente arrasado polo lume da vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro | Fonte: Miguel Núñez.

Un total de 400 persoas e non máis de 5.000 Eses serían os profesionais que afrontaron os momentos máis críticos da onda de lumes da pasada fin de semana. Son as cifras aportadas por representantes dos bombeiros, brigadistas, axentes forestais e persoal do 112 nunha comparecencia conxunta este venres en Santiago.

Segundo os seus números,  estes efectivos serían 50 axentes forestais que subiron a 80 tras incorporarse 30 voluntarios; 40 brigadistas de Seaga na provincia de Pontevedra (de 125 posibles); 120-125 bombeiros públicos e 75 de xestión indirecta. “Se falan de 5.000 ou máis están a mentir", dixo Miguel Ucles, presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia. 

Así, criticou que o que fai a Xunta é meter nesa cantidade a todo o persoal que traballou de xeito indirecto en conter os lumes, principalmente, forzas de seguridade ou servizos sanitarios. “E non vale sumar con todo, xa que os axentes da orde, por exemplo, non están formados para apagar lumes”, sinalou.

Causas

Tampouco hai acordo sobre as causas. A Xunta fala dunha trama e mesmo de “actos terroristas”. Rafael Cudeiro, un axente forestal que leva tempo estudando as causas dos lumes rexeita o argumento da trama incendiaria. Asegura que leva anos investigando os lumes e que pode asegurar que o 98% deles foron provocados por gandeiros, cazadores e “descerebrados”. “Moitos deles foron  provocados por veciños queimando pastos”, indicou.  Outros axentes forestais critican que a Xunta, curiosamente, retirou os fondos que existían para investigar os lumes. “E por que?”, pregúntanse.

Voluntarios en Vigo colaboran na extinción dos lumes na cidade, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Voluntarios en Vigo colaboran na extinción dos lumes na cidade, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Tamén os brigadistas denuncian a criminalización da que son obxecto estes días por “algún político e certos medios de comunicación”. Aseguran que dicir que eles son os pirómanos “é unha falacia” e “unha mentira”.  “Como se pode dicir que nós somos os responsables de lumes que, anteriormente, mataron a compañeiros nosos por tentar apagalos?”, preguntouse un irritado brigadista, Josafat Puente.

Os ventos

Outro dos puntos nos que non hai coincidencia coa Xunta é que todos os lumes foran provocados. De feito, o propio presidente da Xunta criticaba o mesmo domingo ao Goberno portugués por non controlar os incendios dentro das súas fronteiras porque acababan “saltando a Galicia”. Un “salto” que no caso de Pontevedra produciuse a través do Río Miño, como foi en Tomiño, Tui ou Arbo. Isto significa que o vento provocou eses incendios transportando faíscas, ou mesmo piñas incendiadas.

“E sabe vostede cantos lumes puido provocar o vento en Galicia e non os que viñeron de Portugal?”, preguntoulle GC a Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Unha pregunta que quedou sen resposta. “O vento que soprou o domingo puido ter provocado numerosos focos de incendios a 100, 200 e mesmo 300 metros de distancia”,  indica Lodeiro que lembra que nos lumes de 2006 as faíscas chegaron a saltar rías enteiras e prender na outra beira. “Está claro que se os ventos de Ofelia duraran tres días habería moitos mortos e moita destrución”, indicou outro compañeiro.

Whatsapp

Todos os integrantes dos servizos de emerxencia coincidiron en suliñar que o pasado domingo non existiu coordinación e que non había ninguén ao mando do que sucedía. Que actuaron por instinto e, sobre todo, coordinandose entre eles a través de grupos de whatsapp. “Se non chega a ser por isto, hoxe a situación tería sido moi diferente”, apuntou Ucles.

Por iso, demandan novas políticas contraincendios. Que haxa moita prevención, profesionalización dos servizos e outra política forestal baseada na promoción das especies autóctonas. “Senón se fai así, o problema agravarase”, advertiu.

Loita contra o lume en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Loita contra o lume en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Estamos cansos de ver como a historia de 2006 repítese en 2017 e volverá suceder cantas veces queiran os que sacan tallada cos lumes provocados! Ao mellor vai resultar que ter un presidente amigo de narcotraficantes, e unha fiscalía que mira para outro lado, pode que explique algunhas das TRAMAS INCENDIARIAS GalaicoPortuguesas ? https://elpais.com/Comentario/15085...