O PP reivindica o orzamento galego para 2018, que a oposición ve "irreal", "mentireiro" e "unha oportunidade perdida"

O calendario de tramitación das contas no Parlamento galego sitúa a súa aprobación definitiva no día 19 de decembro

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2017 | Actualizada ás 16:04 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

As contas galegas para o ano 2018, que entraron na Cámara este venres, recibiron unha avaliación inicial moi distinta por parte do PPdeG, que reivindica unhas contas centradas en liquidar "os problemas do país" tales como o desemprego, e a oposición, que definiu o proxecto de orzamento autonómico de "irreal", "mentireiro" e "unha oportunidade perdida".

Á espera dunha análise máis profunda das partidas, a portavoz do BNG, Ana Pontón, advertiu que os orzamentos "terán que modificarse en moitas das súas partidas" xa que non responden ás "necesidades" do "domingo negro" dos incendios. Ao seu xuízo, trátase dunhas contas feitas "na burbulla de San Caetano", que "non se axustan á realidade".

Pontón, que centrou a súa análise das contas na parte forestal e de emerxencias, lembrou que hai concellos que parecen quedar "en situación de guerra", de forma que as contas deberían incluír "medidas extraordinarias" como un plan integral de recuperación para as zonas arrasadas.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, do mesmo xeito que fixo posteriormente o viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, remarcou que "a ritmo de previsión de emprego" que contemplan as contas "tardaríase seis anos máis" en recuperar "o nivel de emprego do ano 2009".

"Serán 15 anos perdidos para volver ao mesmo sitio en Galicia", aseverou, antes de constatar tamén "unha recuperación insuficiente dos servizos público básicos".

Agregou que tampouco "hai recuperación do investimento público para modernizar Galicia" e sería necesario "máis músculo en materia de coñecemento e de I+D+i". "É unha oportunidade perdida para avanzar nun contexto que permitiría facer máis do que fai a Xunta", resumiu.

"ORZAMENTO MENTIREIRO"

Para Sánchez, quen tamén aludiu ao emprego, o proxecto de 2018 é "un orzamento mentireiro" e incidiu en que a el, despois "dos 100.000 empregos que Feijóo anunciou para a lexislatura", non lle "cadran as contas", tendo en conta que para o próximo exercicio planéase "crear 17.500".

"RECUPERA NIVEIS DE GASTO PREVIOS Á CRISE"

Pola súa banda, o portavoz popular, Pedro Puy, si que defendeu uns orzamentos que "recuperan niveis de gasto previos á crise" e que se centran "en resolver os problemas do país" apostando pola "creación de emprego ou o apoio aos sectores produtivos".

APROBACIÓN EN DECEMBRO

En concreto, unha vez que as contas entraron na Cámara, as comparecencias por departamentos para desagregar as súas respectivas contas realizaranse a partir do próximo xoves 26. O obxectivo é que finalicen o luns 6 de novembro, antes do prazo das emendas á totalidade.

O pleno de debate de totalidade celebraríase o 20 de novembro. Os populares rexeitarán devolver o proxecto ao Goberno e a previsión é que o ditame vexa a luz verde en comisión o 7 de decembro. A aprobación definitiva en pleno tería lugar o 19 do mesmo mes.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta