Falan os traballadores do 112: “Houbo un colapso total durante horas”

Milleiros de persoas chamaron o domingo e a madrugada do luns ao 112 para pedir auxilio. Moitos non recibiron resposta. As liñas estaban colapsadas e un servizo fundamental nunha catástrofe como esta non serviu para nada. Traballadores que estiveron horas e horas de servizo falan directamente de “descoordinación e falla dun plan de crise”.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 20/10/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A vaga de lumes destes días deixou nús a organismos públicos que, ata o de agora, semellaban modélicos, cando menos, a ollos da Xunta. E un deles foi o do 112. Os seus traballadores recoñecen que o pasado domingo e a madrugada do luns vironse “absolutamente desbordados” e cun servizo completamente colapsado. Pero, son contundentes: “É inevitable que se colapsara por razóns obvias”. E, cales son esas razóns obvias?.  Pois, a descoordinación entre os departamentos da Xunta e a inexistencia dun plan de crise para situacións de catástrofes como esta.

Un dos moitos piquetes das traballadoras do 112 na folga destes meses
Un dos moitos piquetes das traballadoras do 112 na folga destes meses | Fonte: Emerxencias Galicia Facebook

Galicia Confidencial foi quen de falar con profesionais que estiveron horas e horas atendendo chamada de teléfonos e, aínda así, non deron abasto. E non deron abasto porque se viron superados pola magnitude da traxedia e, especialmente, pola falla de directrices claras de como actuar. “E este servizo fundamental non serviu de nada”, apuntan.

“Demostrouse que só está para tapar buracos e pouco máis”, engaden, “e se está colapsado non serve. É inoperativo por completo”, como pasou o pasado domingo e a madrugada do luns.

“É inevitable que haxa situacións que desborden, como aconteceu coa terrible vaga de lumes do domingo, pero hai que tentar regular situacións así, porque non se pode ter á xente desatendida”, indican. De feito, foron centos, milleiros, as persoas que chamaron ao 112 e non foron quen de comunicarse co servizo en horas críticas, nas que había vidas en xogo.  

Así o testemuña este vídeo que un lector nos enviou o mesmo domingo. “Isto é tercermundista. O 112 non vai, non funciona, ninguén colle”, dicíanos.

Servizo de emerxencias 112
Servizo de emerxencias 112

E Feijóo animaba a chamar ao 112

E isto pasou mentres que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e outros cargos do seu goberno insistían e facían chamamentos á xente para que chamara ao 112 en caso de problemas para recibir consellos e certas medidas de prevención en caso de perigo. “E mentres Feijóo e outros dicían iso, nós vimos que estabamos sós e sen indicacións”, comentan as fontes consultadas.

A Xunta non nos deu directrices, nin informou directamente de como estaba a situación en todo momento. A sala de operacións non tivo acceso a información que tiña a Xunta e iso xerou unha distancia terrible entre o papel que ten o 112 e o papel que desempeñou realmente”, indican. “Eles –os mandos da Xunta-- tiñan que ter planeado antes unha situación destas características”, engaden ao recoñecer que é certo que houbo factores excepcionais, pero para os que este servizo de emerxencias non estaba preparado.

De feito, tal era o caos que tanto os cidadáns, coma outros servizos básicos de emerxencias, compartían as mesmas liñas e tiñan que agardar a ser atendidos. “Non había unha liña para organismos públicos de emerxencias, de policías, de bombeiros. Tiñan que esperar na cola como calquera cidadán”, recoñecen. “Iso xerou unha falta de información fundamental para o que non estabamos preparados”, apuntan.

De feito, tal foi a descoordinación que, cando se soubo das primeiras mortes, en Chandebrito (Nigrán), bombeiros e policías tentaron comunicarse co 112 para informar do acontecido. Pero non foron quen de facelo. Algúns dos traballadores de emerxencias souberon desas mortes por whatsapp lendo a noticia que acababa de adiantar Galicia Confidencial.

E os traballadores tamén sofren

E como en todas as traxedias os traballadores son os que máis sofren. Pasou cos bombeiros, con policías e gardas civís, pasou cos xornalistas dos medios públicos e tamén cos traballadores do 112 que tiveron que aguantar berros e mesmo insultos de veciños desamparados, indignados e destrozados polo que estaban vendo. “Tamén nós nos sentimos impotentes porque a xente busca solucións e era difícil incluso ofrecer solucións dada a magintude da catástrofe e a inoperacia de certos canais que tiñan que ser operativos e non o eran pola falta dunha cadea de mando e coordinación”, apuntan.

“É neses momentos cando se poñen a proba e se verifica a verdadeira operatividade de servizos como o 112. Vimos que non tiñamos a capacidade para realizar o noso traballo e iso xerou moita frustración e impotencia en moitos de nós”, aclaran. “Nós recibiamos insultos e queixas, e entendemolo. Fixemos o posible por ofrecer solucións, pero cando non hai medios pois, humanamente, afecta moito porque ti queres facer ben o traballo, pero non podes”, comentan consternados.

Por iso, critican á Xunta por non ter previsto un plan de contixencias. “Deberiamos estar afeitos a reaccionar con plans de crise axeitados, coordinación e un mando operativo que coordine todos os recursos que temos, e iso demostrouse que non funcionou”, din.  Frustra moito pensar que se puido ter feito mellor”, afirman e lembran que non foi unha cuestión da implicación do persoal porque “houbo traballadores que quedaron máis horas das que lle correspondían e outros que foron chamados de urxencia en día libre”, senón do colapso total do servizo.

Cadea humana para parar o lume na Avenida de Europa de Vigo, , en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Cadea humana para parar o lume na Avenida de Europa de Vigo, , en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Patroclo

O traballo que fai esta xente non está pagado. Bombeiros, brigadistas, traballadores do 112... non poder facer nada e aínda por riba recibir insultos e ameazas. Se isto fose un país normal xa había xente dimitindo. Pero isto é unha colonia, e aínda por riba unha colonia dun reino bananeiro. Así nos vai.