Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/10/2017 | Actualizada ás 08:35
O Goberno galego presentou este xoves as contas do vindeiro ano. Uns orzamentos que serán de 9.487 millóns de euros. En termos globais, en relación ao orzamento en vigor, a Xunta aumenta para o 2018 o seu gasto en 266 millóns respecto ao ano anterior, aos que se suman 65 millóns máis de capacidade pola baixada de intereses da débeda.
Isto supón que Galicia contará con 331 millóns máis para "reforzar o gasto social, a innovación e a creación de emprego". O presidente galego suliñou que a maior parte deste orzamento, 7.200 millóns irá para a Sanidade, Educación ou Servizos Sociais. Con todo, chama a atención certas partidas que crecerán moi por riba doutros anos.
Así, a Xunta incrementará en 7 millóns (un 17 por cento máis) as actuacións de turismo. En concreto, destina 3 millóns para o Xacobeo 2021. Ademais, prevé dotar con 4,2 millóns aos centros plurilingües -principalmente de inglés--, fronte ao 1,5 millóns que destinará para accións de Política Lingüística, é dicir, para axudar e impulsar o galego.
Funcionarios
Por outra banda, os orzamentos do vindeiro ano recollen 14.750 postos para a consolidación de prazas de interinidade, 300 novas prazas de profesionais sanitarios e outras 131 prazas, sobre todo, en xustiza, educación e administración xeral.
“Queremos ir a tope para os que queiran traballar con nós”, dixo ao respecto o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, durante a presentación o xoves das contas. De feito, avanzou que xa hai un acordo alcanzado con CSIF, UXT e CC.OO. nesta materia.
Por outra banda, a Xunta baralla aumentar un 2% a masa salarial dos funcionarios e, para iso, fixo unha previsión de fondos de 84 millóns, así como aumentará a 22 semanas o tempo que será retribuído por maternidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.