Temas: LUMES INCENDIOS

Sindicatos esixen á conselleira que dimita pola súa “incompetencia” na xestión dos incendios

CIG, CC.OO., CSIF e UXT acusan á titular do Medio Rural de "falsear datos" sobre o operativo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2017 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

Os principais sindicatos do colectivo de bombeiros forestais (CIG, CC.OO., CSIF e UXT), esixiron a dimisión da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e do director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, pola súa "manifesta incompetencia" na xestión do servizo de extinción durante a vaga de incendios desta semana.

Monte arasado polo lume na parroquia de Valladares (Vigo), tras os devastadores incendios que asolaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro
Monte arasado polo lume na parroquia de Valladares (Vigo), tras os devastadores incendios que asolaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro | Fonte: Miguel Núñez.

Así o demandan nun comunicado conxunto no que acusan á titular do Medio Rural de "falsear datos" durante a súa comparecencia no Parlamento de Galicia. "Falta á verdade cando fala de 5.600 efectivos que loitaron contra o lume durante o mes de outubro. A realidade é ben distinta, esa cantidade non é real", denuncian.

Neste sentido, aseguraron que, ano tras anos, no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) aparecen os mesmos datos a pesar de que "non todos os concellos subscriben os convenios coa Xunta". "Como é entón que os datos son os mesmos todos os anos ou que se fale de 5.600 efectivos cando houbo municipios que terminaron o día 30 de setembro a súa prestación de servizo", cuestionaron.

Os sindicatos criticaron que a maioría das brigadas dos bombeiros forestais "están incompletas". "A conselleira volve faltar á verdade dicindo que se cubriron baixas e vacacións durante o mes de outubro", sinalaron para precisar que "nunca se quixeron cubrir baixas e vacacións" no medio Rural por "cuestións orzamentarias".

Sobre esta cuestión, CIG, CC.OO., CSIF e UXT lembraron que, xa no mes de agosto, advertiron ao departamento autonómico desta "falta de medios" e da "situación de risco e extrema gravidade que se podía producir se a climatoloxía non acompañaba".

AUDITORIA

Por todo iso, esixiron a realización dunha auditoria independente na que se cuantifique o dispositivo real do Servizo Público de Prevención e Extinción de Incendios Forestais. Tamén reclamaron que a Xunta aclare a cifra que gasta en extinción e a que destina a prevención así como o custo dos medios materiais e humanos xestionados por empresas privadas.

E é que os sindicatos consideran "vergoñoso" que o Goberno galego tente "tapar a súa responsabilidade" con "catro vítimas mortais" e un balance de "35.000 hectáreas queimadas" no mes de outubro.

Ademais, consideraron necesario "un cambio" de modelo forestal que teña como base a prevención e as emerxencias, no que "tería cabida un colectivo de traballadores estable durante os 12 meses do ano".

AXUDAS

Sobre as consecuencias dos danos que os incendios produciron as diversas vivendas das zonas afectadas, o secretario da sección sindical de CC.OO. na Deputación de Pontevedra tamén pediu, a través doutro comunicado, que a institución provincial convoque axudas para a reconstrución das casas afectadas na provincia.

Ademais, tamén este xoves, o secretario xeral de CC.OO. en Galicia, Ramón Sarmiento, instou á Xunta a deseñar "en clave de país" as políticas industriais e forestais polo que augurou o "fracaso" da Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais por estar concibida "cunha visión a curto prazo" e "non apostar pola industria manufacturera e de alto valor engadido".

Temas: LUMES INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ZASVARELA

A sociedade de borregos , goberno de cantamañáns .