Historias de animais vítimas dos incendios

A vaga de lumes tamén deixou fondas feridas na fauna doméstica e salvaxe. GC recompila algunhas das historias destas outras vítimas. Asociacións e protectoras piden calma e aseguran que teñen a situación controlada.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/10/2017 | Actualizada ás 12:19

Comparte esta noticia

Cans, gatos, vacas, cabalos, xabaríns, raposos... Son moitas as especies de animais domésticos e salvaxes que tamén son vítimas da vaga de incendios que arrasou arredor de 35.500 hectáreas en Galicia esta semana.

Dous cans con queimaduras trala vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro
Dous cans con queimaduras trala vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro | Fonte: Centro Veterinario Navia.

A foto tomada por Salvador Sas (EFE) en Chandebrito (Nigrán) dunha cadela levando na boca o seu cachorro totalmente calcinado impactou nos corazóns de milleiros de persoas. Pero son máis os animais que, dun xeito ou outro, foron vítimas desta praga. Algúns perdidos e desorientados, outros queimados pero vivos, outros mortos...

Protectoras de animais, centros veterinarios e asociacións e entidades animalistas recibiron estes días unha avalancha de solidariedade en xeito de axuda material e humana para recoller e coidar os animais afectados. Con todo, todas elas lanzaron unha mensaxe de "calma" xa que, dixeron, a situación estivo "controlada".

O centro veterinario equino Casal do Río referendou que hai grande interese en colaborar e recibiu un alto número de doazóns de material e medicación; aínda que, apuntou que "a situación está mais que controlada" e "non existe tanto risco como o que manifestan as redes sociais". "Toda axuda é importante, a calma fundamental e a organización do material moi importante", selou.

Pola súa banda, a Asociación Protectora de Animais Os Biosbardos, en Ponteareas, coincidiu en que acudiu "moitísima xente a axudar" desde o domingo, cando "por prevención" se fixo un chamamento para desaloxar esta e outras protectoras próximas aos incendios. "Foi espectacular", trasladou unha portavoz dos Biosbardos.

Malia que os animais foron desaloxados e acollidos por numerosas familias, varios deles atópanse perdidos; no caso desta protectora de Ponteareas catro cans —un deles localizado no Monte do Galiñeiro e outro en Lavadores—. No caso de que sexan atopados, recalcou que "é básico non asustalos máis, porque se poden ir da zona" onde están.

Co obxectivo de localizar a estes animais, así como a outros que poidan atoparse feridos ou perdidos, centos de persoas están a organizarse en grupos para facer batidas polos montes incendiados para tratar de dar con eles e auxiliarlles. "Todas as axudas son ben recibidas", selou Os Biosbardos.

Pola súa parte, Adega, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, considera importante dar unha "oportunidade á fauna salvaxe" tralos incendios, polo que pediron suspender temporalmente a caza non só nas zonas queimadas senón tamén no seu perímetro, xa que esta "tende a refuxiarse nestas áreas", e solicita tamén dispoñer alimento de urxencia para o gando.

Estas son algunhas desas historias de animais que tamén sufriron fisica e emocionalmente o impacto dos lumes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta