Temas: INCENDIOS LUMES

Amigos da Terra xa advirte dunha próxima vaga de lumes en Galicia

A organización ecoloxista anuncia onde, cando, quen e por causa de que se provocarán os incendios do ano que vén, e pide ás administracións que actúen en consecuencia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/10/2017 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Reeditado un ano máis o protocolo de actuación para a rexeneración dos solos queimados , a organización ecoloxista Amigos da Terra xa intúe nde serán os próximos lumes e chama ás administracións a tomar cartas no asunto.

Loita contra o lume en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Loita contra o lume en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Así, lembra que o 50% dos incendios prodúcense, desde que se conta con estatísticas, en apenas unhas decenas de concellos. “O próximo ano os mesmos concellos volverán ser incendiados. Sabemos exactamente onde actuar con tempo para previr a metade da catástrofe do próximo ano, porque alí produciranse a maioría dos incendios”, indica.

E, cando?

Ademais, apunta que, en calquera momento, os incendios non se circunscriben ao verán e estanse desestacionalizando pero iso non os fai imprevisibles, sobre todo para afrontar os grandes episodios incendiarios. “En episodios incendiarios normais, pero fundamentalmente nas crises excepcionais dispoñemos de indicadores que proporcionan tempo para a prevención”, suliña.

Por iso, advirten que se producirán cando se sumen estes factores: a vexetación estea moi desenvolvida, a humidade do chan sexa baixa, a temperatura alta e anúnciense ventos fortes e, especialmente, choivas tras eses ventos fortes.  “Como mínimo saberémolo tres días antes de que todo empece a arder, unha marxe de tempo razoable para tomar medidas”.

Quen provocará os incendios?

Segundo Amigos da Terra será un veciño da zona, case sempre un home, duns 40 anos, que vive a menos de dez quilómetros do lugar no que se inicien os incendios que provocará consciente e deliberadamente. Ao seu lado estará outro home, neste caso de maior idade, que os provocará por neglixencia criminal. “En ambos os casos non será a primeira vez e os seus veciños coñécenos e sábeno”, engade.

E, por que os provocará?

“Por especular co prezo da madeira, por intereses urbanísticos, por intereses cinexéticos, por recalificar o terreo, por disputas veciñais, por disputas entre comunidades de montes, por intereses económicos, por intereses laborais, por favorecer o pasto á gandería, por neglixencia ao queimar rozas e podas, por buscar os marcos e lindes, por limpar a súa leira, por evitar que se lle acheguen bestas, por simple tolemia, por intereses políticos, e máis. Nalgúns sitios un só factor, noutros unha combinación de varios”, di esta entidade.

Cal será o protocolo de actuación?

Neste caso, Amigos da Terra xa advirte que, novamenten collerá por sorpresa á administración. “Unha vez apagado o lume no monte empezará o segundo incendio nas declaracións políticas. O goberno terao claro. A culpa será dos incendiarios. A oposición terao claro: A culpa será das políticas da Xunta”, di. 

E continúa: “O goberno explicará a abundancia de medios e a súa excelente coordinación e a oposición criticará a ausencia de medios e a súa descoordinación. Ambos terán razón. Seguiremos actuando sobre os efectos sen cambiar as causas. A política forestal seguirá sendo errática e guiada por criterios produtivistas desprezando a multifuncionalidade do monte. O abandono do rural seguirá avanzando cunha poboación galega maioritariamente urbana. As antigas terras de cultivo serán ocupadas por cultivos forestais pirófitos que meterán o incendio nas casas e a cultura do lume como ferramenta de xestión seguirá sendo amparada por unha tolerancia social que reaccionará cando o lume chame á porta da súa casa”.

Por iso, Amigos da Terra insistirá, como ate agora,  en que tras mais de catro décadas aplicando as mesmas políticas fronte aos incendios “non conseguiremos resultados diferentes”. E volverá a expor  na seguinte vaga de incendios que, se o problema é fundamentalmente social, só se poderá solucionalo usando instrumentos sociais. “Educación ambiental para os actores e axentes sociais determinantes que agora teñen na súa man empezar ese cambio social”, conclúe.

Temas: INCENDIOS LUMES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Non intoxiquedes

“Por especular co prezo da madeira, por intereses urbanísticos, por intereses cinexéticos, por recalificar o terreo, ..., por favorecer o pasto á gandería,.. pero por favor, léanse a Lei de Montes de Galicia antes de escribir pam padas e deixen de intoxicar con informacións falsas. E con respecto ao prezo da madeira falade coa xente do sector por favor, que hai décadas que non interesa para nada a madeira queimada. E falar de especies pirófitas que meten o lume nas casas sen mencionar que nas zonas con silvicultura estas especies conviven coas casas é unha falacia. Que triste que se sega mentindo e facendo eco a esta xentuza.