Francis acapara os focos

O Dépor suma un punto en Ipurua nun partido sen apenas historia no que o máis destacado foi o debut do meta nixeriano con tan só 18 anos. Francis Uzoho é o cuarto porteiro aliñado por Pepe Mel en tan só oito xornadas de Liga.

Por gcdeportes | A Coruña | 15/10/2017 | Actualizada ás 15:36

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
SD Eibar 0
: Dmitrovic; Capa, Paulo Oliveira, Iván Ramis (Lombán, 70’), David Juncà (José Ángel, 70’); Jordán, Escalante, Dani García, Arbilla, Kike García (Charles, 85’) e Sergi Enrich.
RC Deportivo 0: Francis Uzoho; Juanfran, Raúl Albentosa, Sidnei, Luisinho; Guilherme, Celso Borges; Fede Cartabia (Bakkali, 83’), Fede Valverde (Borja Valle, 75’), Emre Çolak (Lucas Pérez, 87’) e Florin Andone.
Árbitro: Jaime Latre (aragonés). Amarelas a Arbilla (minuto 38) e Dani García (56’) nos locais e a Emre Çolak (56’) e Celso Borges (79’) nos coruñeses.
Incidencias: partido da 8ª xornada de Primeira División disputado no estadio de Ipurua ante 5.125 espectadores.

O nixeriano Francis Uzoho debutou na meta do Dépor con 18 anos.
O nixeriano Francis Uzoho debutou na meta do Dépor con 18 anos. | Fonte: lfp.es

Un punto e portaría a cero en Ipurua, nun partido sen apenas historia no que o máis destacado foi o debut de Francis Uzoho, con 18 anos e 352 días, na meta deportivista. O nixeriano do Dépor convírtese deste xeito no meta estranxeiro máis novo en debutar en Primeira División e no estranxeiro máis novo en defender as cores branquiazuis. O Deportivo, que aliñou xa catro porteiros diferentes (Rubén, Tyton, Pantilimon e Francis) en tan só oito xornadas de Liga, suma deste xeito catro dos últimos seis puntos, e encadena dúas xornadas sen perder por primeira vez neste campionato. Leva 8 puntos en oito xornadas.

Ademáis de Francis, Raúl Albentosa estreouse no centro da defensa pola lesión de Schär e Florin Andone recuperou a titularidade en punta de ataque, con Lucas Pérez algo tocado. O partido foi de máis a menos en intensidade. A mellor ocasión deportivista chegou axiña, no minuto 7, pero Andone rematou ao corpo de Dmitrovic no man a man co porteiro rival. A primeira intervención de Francis chegou no 12, cando rexeitou con seguridade un forte disparo de Kike García ao pau corto. E Sergi Enrich disparou alto na seguinte ocasión dos locais. Juanfran tivo o último disparo entre paus dos de Pepe Mel, pero Dmitrović detivo sen dificultade. Ao Dépor faltoulle claridade no último pase, e apenas houbo ocasións ata o descanso.

Tralo paso por vestiarios, Francis detivo no primeiro minuto un remate coa testa de Escalante. A única ocasión do Dépor en todo o segundo tempo foi un disparo alto de Fede Valverde no minuto 67. Francis detivo con seguridade dúas ocasións locais: un disparo raso á reviravolta de Kike García no minuto 72 e un disparo de Escalante que petou nun defensa deportivista no 80. Os trocos (Borja Valle, Bakkali e cinco minutos para Lucas Pérez) apenas mudaron o guión do partido, e o susto chegou case ao final cun gol de Sergi Enrich en claro fóra de xogo.

Grazas ao empate en Ipurua, o Dépor seguirá unha semana máis fóra dos postos de descenso. O vindeiro rival, o luns 23 ás 21.00 horas en Riazor, será o Girona.

Sidnei e Francis celebran o punto acadado en Ipurua.
Sidnei e Francis celebran o punto acadado en Ipurua. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta