Unha web visibilizará e tentará comercializar os proxectos dos estudantes de Ciencias Sociais

‘A Canteira’ reúne xa máis de 100 iniciativas de estudantes e egresados da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Ponteveda. O seu obxectivo é servir como unha ferramenta de promoción ante o sector empresarial.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 11/10/2017 | Actualizada ás 00:00

Comparte esta noticia

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación reúne máis dun cento de proxectos audiovisuais, fotográficos ou de gráfica publicitaria de estudantes e egresados na web A Canteira. O portal que nos últimos meses articularon os egresados Iago Souto e David Cegarra, no marco do traballo de fin de grao do primeiro, busca servir como o colector no que o alumnado poida ir incorporando os seus proxectos co propósito de convertela nun espazo no que o sector empresarial poida atopar profesionais de diferentes perfís.

Os impulsores da Canteira, Iago Souto e David Cegarra, xunto con representantes da Facultade de Ciencias Sociais e do reitorado da Universidade de Vigo
Os impulsores da Canteira, Iago Souto e David Cegarra, xunto con representantes da Facultade de Ciencias Sociais e do reitorado da Universidade de Vigo | Fonte: Duvi

“A Canteira é unha web que pretende ser un portfolio para dar visibilidade aos alumnos das distintas titulacións e que ao mesmo tempo que serve tamén como ferramenta á facultade para promocionarse ante os novos alumnos e alumnas, poida servir tamén para que as empresas poidan buscar aquí novos talentos”, apunta Souto da iniciativa para a que realizaron tamén unha busca de proxectos de estudantes e egresados que permitise contar xa cunha serie de contidos no seu lanzamento. A iniciativa, que reúne tanto traballos realizados para diferentes materias como proxectos desenvolvidos fóra das aulas polos estudantes, contou co apoio do Consello Social da Universidade, que fixo posible a incorporación de Segarra ao proxecto, e do Campus CREA S2i. 

En total, reuníronse para o seu lanzamento 109 traballos, divididos nas categorías audiovisual, bandas sonoras, fotografía, gráfica, multimedia e premiados, aos que irán sumándose agora os diferentes contidos que incorpore o propio alumnado. “A idea é que a web puidese seguir funcionando de forma automática, cunha pequena supervisión, e que os novos usuarios poidan xerar contidos subindo os seus traballos e facendo crecer á páxina”, explica Cegarra, responsable de dar forma a un portal deseñado para ser “escalable, para que poida aumentar e ampliar as súas funcións”. Nese mesmo senso, Oswaldo García incidiu no xornal da Universidade de Vigo que, “ao final a páxina é un continente, polo que o seu valor virá do propio talento do alumnado”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta