Fin á boa xeira lucense

O Lugo, tras catro vitorias consecutivas, cae 2-0 co Granada nun partido no que apenas creou ocasións de perigo. O equipo lucense, oitavo con 13 puntos, recibe o xoves (16.00 horas) o Córdoba no Anxo Carro.

Por gcdeportes | Lugo | 08/10/2017 | Actualizada ás 23:23

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Granada 2:
Javi Varas; Víctor Díaz, Menosse, Saunier, Alex Martínez; Raúl Baena, Montoro (Kunde, 76’); Pedro, Espinosa (Alberto Martín, 62’), Machís e Joselu (Quini, 86’).
CD Lugo 0: Juan Carlos; Campadabal, Bernardo Cruz, Ignasi Miquel, Luis Ruiz; Seoane, Ramón Azeez; Nico Albarracín (Sergio Díaz, 59’), Campillo, Iriome (Guille Donoso, 83’); e Polaco Fydriszewski (Cristian Herrera, 73’).
Goles: 1-0: Espinosa (minuto 25). 2-0: Kunde (minuto 91).
Árbitro: Víctor Areces Franco (asturiano). Expulsou con vermella directa a Pedro no minuto 84. Amarelas a Montoro e Raúl Baena nos locais e aos visitantes Bernardo Cruz e Sergio Díaz.
Incidencias: partido da 8ª xornada de Segunda División disputado en el Estadio Nuevo Los Cármenes ante 12.166 espectadores. O árbitro Víctor Areces Franco sinalou o descanso un minuto antes de tempo e, tralo aviso por parte dos dous equipos, mandou volver os xogadores para rematar o primeiro tempo.

Fin á xeira histórica de catro vitorias consecutivas dos lucenses. O equipo de Francisco Rodríguez, que apenas creou ocasións de gol, caeu 2-0 co Granada tras encaixar un gol no primeiro tempo e a sentencia no tempo engadido.

Cando o Lugo comezaba a tomarlle o xeito ao partido, chegou o 1-0 dos locais, obra de Espinosa tras aproveitar un balón solto na área pequena. Malia a que Polaco Fydriszewski tentouno cun remate coa testa que detivo Javi Varas, o Granada puido facer axiña o segundo con boas ocasións de Víctor Díaz e Machís. A mellor opción lucense para empatar antes do lecer foi unha falta directa lanzada polo uruguaio Nicolás Albarracín, a novidade no once de Francisco, que se foi fóra por pouco.

O Lugo saiu con mellores intencións tralo paso por vestiarios e tivo máis posesión de balón, aínda que con poucas chegadas á área rival. O paraguaio Sergio Díaz, bastante activo tras substituír a Nico Albarracín, tivo a mellor cun disparo que se foi fóra por pouco. Raúl Baena e Hernán Menosse puideron finiquitar o partido, que gañou en emoción trala expulsión con vermella directa de Pedro por unha perigosa entrada sobre Ramón Azeez. O Lugo buscou o empate con superioridade numérica, pero foi o Granada quen sentenciou á contra, cun gol de Kunde xa no tempo engadido.

Derrota tras catro xornadas de vitorias, e o Lugo que queda na oitava posición con 13 puntos, a tan só dous do líder, Osasuna. O xoves ás catro da tarde, cita no Anxo Carro co Córdoba.

O árbitro, protagonista tras sinalar o descanso un minuto antes de tempo.
O árbitro, protagonista tras sinalar o descanso un minuto antes de tempo. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta