Denuncian un novo caso de manipulación informativa na Radio Galega

O Comité de empresa da CRTVG di que unha traballadora en prácticas da emisora pública foi conminada a omitir en directo a locución dun parágrafo no que informaba da afiliación ao Partido Popular de Melilla do presunto líder dunha célula xihadista.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/10/2017 | Actualizada ás 09:43

Comparte esta noticia

O Comité de empresa da CRTVG, que no pasado marzo puxo a disposición dos profesionais dos medios públicos un Protocolo de actuación antes as denuncias de manipulación informativa,  vén de amparar conforme a esta ferramenta a unha redactora, que ademais ten un contrato en prácticas da Radio Galega, e que denunciou unha grave inxerencia no seu exercicio profesional.

Chapa co lema Eu non manipulo que levaron os traballadores da CRTVG nunha protesta
Chapa co lema Eu non manipulo que levaron os traballadores da CRTVG nunha protesta

A xornalista Ana Belén Costoia Viqueira elaborou o pasado 6 de setembro unha nova para o informativo vespertino “A Crónica” sobre a desarticulación dunha célula terrorista en Marrocos e Sevilla. Cando a traballadora locutaba a noticia en directo no estudio, xusto antes da lectura dun parágrafo no que informaba da que o presunto líder da célula xihadista “fora afiliado do PP de Melilla”, unha responsable do programa  ordeoulle non ler esa referencia, orde que a xornalista, que viu interrompido o seu traballo de xeito brusco e sorpresivo, acatou. Consultada por este comité, a coordinadora do informativo aludido alega que o criterio de non informar sobre a afiliación política neste caso partíu do redactor xefe da tarde. Á redactora en prácticas retiróuselle ademais posteriormente a encomenda habitual de reelaborar esa mesma peza para o informativo matinal do día seguinte, que lle adxudicaron a outra persoa.

O Comité de empresa, seguindo o protoloco que creou, que recolle as normas de actuación a seguir en casos coma este no que o persoal da CRTVG denuncia manipulación sobre o seu labor informativo, indicou nun comunicado que "ampara sen fisuras á profesional afectada e enmarca esta grave inxerencia sobre a liberdade e independencia do exercicio profesional na sistemática manipulación que se practica na televisión e na radio públicas". "Non é a primeira vez que a representación do persoal denuncia  en concreto a ocultación da filiación política cando os afectados por calquera cuestión negativa son do Partido Popular, información  que se resalta e reitera se os casos afectan a membros dos partidos da oposición", sinala.

Independentemente de que ese día practicamente todos os medios de comunicación do Estado fixeron referencia á pertenza ao Partido Popular do presunto xihadista, o comité de empresa entende que se debe respectar o criterio profesional que guiou á redactora a incluir esa referencia, eliminada, en opinión dos sindicatos, por  intereses estritamente políticos. Ademais, a representación do persoal considera intolerables as formas que se empregaron, xa que a interrupción dunha locución en directo debería ter unha seria xustificación.

O Comité esixe por enésima vez a creación do Consello de Informativos e a posta en marcha do Estatuto Profesional, ferramentas contra a manipulación informativa que obriga a crear desde o ano 2011 a lei que regula os medios públicos e que, de momento, o goberno galego e a dirección da CRTVG semellan non ter interese algún por habilitar. A representación do persoal parabeniza á compañeira denunciante e anima a outros profesionais da tele e a radio públicas a acollerse ao protocolo, que amparará aos informadores da CRTVG ata a erradicación da deleznable práctica manipuladora que lastra a credibilidade dos medios públicos e atenta contra a súa razón de ser.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Ninguén de ningures

Como vola colaron!! A filiación política nunca forma parte das noticias. Se fora un cargo dun partido si, pero non era o caso. Xa postos, podiades falar tamén dos outros problemas que tivo esa redactora en todas as quendas polas que pasou ou de que é a parella dun nome da CUT e daí todo o bombo que lle deron dende o Comité.

3 Anti..

A radio e televisión galega está pra informar sobre a rubia galega, galiña de Mos e os carros que se botan contra os porcos bravos nas autoestradas. Pra algo mais serio a BBC ou CNN.

2 Durme galiza

A radio galega xa hai tempo que leva secuestrada...ao igual ca súa irmá a tvga

1 pijadista

Tamén, queredes que conten cousas que non teñen importancia ningunha. Seguro que si obrigarían á locutora a decir un dato importantísmo se fose o caso: que o tal yihadista pasara unha vez en tren por Cataluña e quedara impregnado de respirar aires independentistas.