Chega a Santiago a obra de Gervasio Sánchez, o reporteiro que extrae "a vida" dos conflitos armados

Unha mostra en Afundación repasa a traxectoria dun dos fotoperiodistas máis recoñecidos

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2017 | Actualizada ás 14:58 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A sede de Afundación en Santiago acolle desde este xoves unha exposición sobre a obra de Gervasio Sánchez, un dos fotoperiodistas e reporteiros de guerra máis recoñecidos do panorama estatal e internacional e que, desde os anos 80, percorreu ca súa cámara e o seu caderno decenas de conflitos armados de todo o mundo.

O reporteiro Gervasio Sánchez en Santiago
O reporteiro Gervasio Sánchez en Santiago | Fonte: Europa Press

A exposición foi inaugurada na mañá deste xoves polo propio Gervasio Sánchez (Córdoba, 1959) e o comisario da mostra, Gerardo Mosquera. A exposición conta con 68 fotos, a maioría delas inéditas, e poderá visitarse na capital galega ata o 7 de xaneiro do próximo ano.

Nesta ocasión e a diferenza doutras exposicións sobre Sánchez, a selección das imaxes non está divida por temas ou conflitos, senón que ten como punto de unión o intento dos reporteiros de extraer a "vida" e a loita pola supervivencia que hai detrás dun conflito armado.

Precisamente isto, como explicou o comisario da exposición, Gerardo Mosquera, é unha das características principais do traballo de Gervasio Sánchez ao longo dos seus máis de 30 anos de profesión. "Gervasio é un reporteiro de vida, non de morte", apostilou.

"REIVINDICAR A VIDA"

Sánchez, fotoperiodista e reporteiro de prensa escrita e radio, cubriu os principais conflitos acontecidos no mundo desde a década do oitenta. Centroamérica, a Guerra do Golfo, os Balcáns, Serra Leona ou a recente crise de refuxiados en Europa foron algúns dos moitos lugares nos que desenvolveu o seu traballo.

"O máis evidente dunha guerra son os mortos. É moito máis difícil centrarse nos vivos", afirmou Gervasio Sánchez, que sinalou que, ao longo da súa carreira, tratou de "renunciar á mirada do típico reporteiro de guerra" e tentar "reivindicar a vida e a dignidade" que subxace nas historias que hai detrás da liña de lume.

Por iso, confesa verse máis atraído polas situacións que seguen a unha guerra, porque estas "non se acaban" cando cesa a violencia senón que conclúen "cando se terminan as súas consecuencias".

Así, mostrouse moi crítico coa "covardía política e a actitude indigna" que manteñen algúns políticos en España sobre as fosas comúns da Guerra Civil e o franquismo.

Ademais, en relación ao conflito político aberto en Cataluña, comentou que a súa experiencia lle serviu para darse conta que "cando se destrúen as pontes de convivencia, as persoas máis preparadas, con dous dedos de fronte, son os primeiros en apertar o gatillo".

A CLAVE: "EMPATÍA"

A exposición compleméntase esta semana con varias actividades sobre o mundo da fotografía e o xornalismo de guerra. Este xoves, Sánchez mantivo un encontro con estudantes dun módulo de fotografía, aos que dirixiu unha mensaxe: a "empatía" é a clave dun reporteiro.

"Se estás disposto a non sentir non vas poder transmitir con decencia", afirmou, para logo engadir que unha das súas máximas no traballo é non ser invasivo e "tratar á xente" como a el gustaríalle que o tratasen, xa que se non, o reporteiro corre o risco de "converterse nun agresor máis".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta