Récord de catro para o Lugo

O equipo lucense vence 1-0 o Tenerife cun gol de Fede Vico de penalti e suma por primeira vez en Segunda División catro vitorias consecutivas. O equipo de Francisco xa é terceiro con 13 puntos, e o vindeiro domingo visita o Granada.

Por gcdeportes | Lugo | 01/10/2017 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
CD Lugo 1:
Juan Carlos; Campabadal, Bernardo Cruz, Ignasi Miquel, Luis Ruiz; Seoane, Ramón Azeez; Iriome (Nico Albarracín, 84’), Fede Vico (Cristian Herrera, 75’), Campillo e Polaco Fydriszewski (Luis Muñoz, 92’).
CD Tenerife 0: Dani Hernández; Cámara, Jorge, Carlos Ruiz (Montañés, 82’), Camille; Aitor Sanz, Bryan Acosta, Vitolo (Víctor Casadesús, 56’), Juan Carlos (Tayron, 67’); Longo e Malbasic.
Gol: 1-0: Fede Vico, de penalti (minuto 47).
Árbitro: Moreno Aragón (madrileño). Amarelas a Iriome (70’), Juan Carlos (81’) e Ignasi Miquel (87’) nos lucenses e a Jorge (44’) e Camille (56’) nos tinerfeños.
Incidencias: partido da sétima xornada de Segunda División disputado no Anxo Carro ante 3.724 espectadores. José Reigosa, presidente da Asociación de padres o tutores de personas con discapacidad intelectual de Lugo (Aspnais), fixo o saque de honra.

Catro seguidas para un récord. Catro xornadas consecutivas con triunfo, algo que o CD Lugo non lograra ata o de agora na súa historia en Segunda División. Foi dabondo cun gol de Fede Vico de penalti, máis a fiabilidade defensiva para manter a portaría a cero. Tres puntos máis para un doce de doce histórico, e o Lugo de Francisco Rodríguez que xa é terceiro con 13 puntos, a un do líder Numancia.

Fede Vico celebra o gol da vitoria ante o Tenerife.
Fede Vico celebra o gol da vitoria ante o Tenerife. | Fonte: lfp.es

O técnico lucense repetiu o mesmo once que vencera o luns 1-2 o Barça B. O Lugo asumiu a posesión e o Tenerife agardaba polo contragolpe. Así, os tinerfeños tiveron as mellores ocasións do primeiro tempo. Juan Carlos evitou o gol coa súa luva nun man a man con Malbasic. O Lugo non chegaba, pero Azeez buscou sorprender dende lonxe e Dani Hernández despexou con apuros. De novo Malbasic, cun disparo dende o bordo da área que atallou Juan Carlos, e Camille, que obrigou o meta local a despexar a córner co pé puideron adiantar o Tenerife antes do lecer.

O paso por vestiarios sentoulle ben ao Lugo. Non pasara nin un minuto da reanudación, e penalti de Vitolo sobre Fede Vico, moi protestado polos canarios. O centrocampista cordobés non desperdiciou a pena máxima e marcou o 1-0 dende os once metros. Puido o Lugo ter sentenciado o choque, nun remate de Seoane ao traveseiro e cun remate coa testa de Bernardo nun córner, pero tocou sufrir ata o final pola incerteza do marcador. De novo perdonou o Lugo nun chute de Azeez na área, e a piques estivo o Tenerife, nun remate alto de Montañés, de frustrar a xeira histórica dos lucenses. Non foi así. Na recta final apenas pasou apuros o Lugo, que puido celebrar a cuarta consecutiva. O vindeiro domingo (20.00 horas), visita ao Granada, que conta con tres puntos menos que os lucenses.

A afección lucense, nun fondo do Anxo Carro.
A afección lucense, nun fondo do Anxo Carro. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta