Por Galicia Confidencial | | 20/09/2017 | Actualizada ás 13:58
A Mesa pola Normalización Lingüística rexistrou este mércores máis de 28.000 apoios á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) “Sentido Común” de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.
Segundo a Mesa, esta ILP quere acabar coa frase famosa que tantos e tantas escoitamos en tantas ocasións: “O me habla castellano o no le atiendo”, mais tamén pór fin ás limitacións para o uso do galego para o empresariado que quere transmitir “cualidade, proximidade, empatía cos e coas consumidoras mais só atopan obstáculos”.
“Non pode ser que no ano 2017 a lingua galega sexa a única lingua do Estado que non conta cunha lexislación semellante para protexer quen usa o galego”, engade. No caso vasco os dereitos que contempla a ILP están recollidos no Estatuto das Persoas Consumidoras e Usuarias e no catalán no Código de Consumo de Cataluña.
Entrevista con Santalices
Previamente á entrega das sinaturas, o presidente desta entidade, Marcos Maceira e a membro da súa Comisión Permanente, Celia Armas, mantiveron un encontro co Presidente da cámara galega Miguel Santalices para presentarlle o contido da proposta que se debaterá nas próximas semanas no Parlamento para a súa toma en consideración. Se o voto é favorábel comezará o proceso de transformación en Lei.
Os representantes da Mesa aproveitaron o encontro co Presidente do Parlamento para lle transmitir o agradecemento ao persoal da cámara pola axuda recibida desde que a iniciativa fora rexistrada no mes de febreiro.
Marcos Maceira e Celia Armas valoraron campaña desenvolvida que se fixaba inicialmente as 10.000 sinaturas que marca a lei de ILP. “Estes miles de apoios que case triplican o obxectivo, son mais necesarios que nunca para pór e evidencia e mudar as actitudes hostís que se manifestan no ámbito económico, desde corporacións que se negan a empregar a toponimia oficial a quen prohibe o uso do galego para facilitar a deslocalización ou utiliza un hipotético descoñecemento do galego para negar atención ou mesmo dilatar procesos xudiciais”, indicaron.
A Mesa mantivo contactos para a presentación da proposta con e onte pola mañá reuniuse con Antón Arias presidente da Confederación de Empresarios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.