Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/09/2017 | Actualizada ás 11:46
Segundo datos dados a coñecer esta mañá, na recta final de recollida de apoios a ILP “Sentido común” supera as 25.000 sinaturas. A iniciativa fai énfase en que o galego debe ter os mesmos dereitos nas relacións comerciais.
Así demanda que “se garanta en todos os casos o dereito á atención e a recibir e usar o galego en calquera información, avisos ou instrucións, de maneira oral ou escrita, calquera que sexa o formato, así como contratos e formularios”. Hoxe en día, usar o galego para, por exemplo, tramitar documentación nun notario ou contratar unha conexión de gas é case unha utopía.
“A oficialidade do galego ten que deixar de ser una simples declaración para se converter nunha realidade visíbel e audíbel, e xa que logo absolutamente practicábel, algo que non acontece en Galiza, como demostran as continuas queixas que tramita a Mesa e o grande número de apoios recibidos”, declarou en rolda de prensa esta mañá Marcos Maceira, presidente da Mesa.
MÁIS DO DOBLE DE SINATURAS PRECISAS
O colectivo logrou duplicar o número de firmas necesarias para tramitar a ILP e aínda hai tempo para rubricar o texto. A Mesa di solicitou xa reunións con todos os grupos parlamentares, Fegamp, Consello da Cultura Galega, Secretaria Xeral de Política Lingüística e Dirección Xeral de Comercio e Consumo para avanzar na súa aprobación.
Con todo, está por ver a postura do PPdeG. Os conservadores, que en teoría están a prol da normalización do idioma como indica o Plan de Normalización, levan lustros sen tomar medidas concretar para regular o seu uso no campo comercial e resulta moi improbábel que, malia os esforzos da Mesa, agora cambien de postura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.