7,2 millóns da Xunta para proxectos con drons que melloren servizos públicos

A Xunta publica cinco licitacións para a compra de solucións tecnolóxicas innovadoras baseadas no uso de vehículos aéreos non tripulados para mellorar a prestación de determinados servizos públicos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/08/2017 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publica este mércores as cinco primeiras licitacións para a compra de solucións tecnolóxicas innovadoras baseadas no uso de vehículos aéreos non tripulados (drons) para mellorar a prestación de determinados servizos públicos. O importe total das contratacións, que se licitan a través da modalidade de Compra Pública Innovadora, ascende a 7.250.000 euros. Poderán presentarse entidades ou consorcios ata o vindeiro 27 de setembro. Os pregos están dispoñibles xa nas webs de GAIN e da Civil UAVs Initiative. Ademais, está previsto celebrar unha xornada a mediados de setembro para explicar os pregos e facilitar a colaboración entre as entidades interesadas en participar.

Drons de vixilancia como os que se utilizarán no Proxecto interfronteirizo 112
Drons de vixilancia como os que se utilizarán no Proxecto interfronteirizo 112

Estas contratacións enmárcanse no contexto do Polo Tecnolóxico e Industrial de avións non tripulados de Rozas e están financiadas con cargo a un convenio de colaboración co Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, cofinanciado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O seu contido é resultado dun proceso de consultas ao mercado que durou máis dun ano e no que interviron máis de 200 entidades (entre empresas, centros tecnolóxicos, centros de investigación e as consellerías da Xunta de Galicia).

SERVIZOS

En concreto, as solucións que se licitan son: un xestor de conxunto de datos xeorreferenciados obtidos por UAVs; a adquisición, mantemento e automatización de bases topográficas e cartográficas mediante medios aéreos non tripulados; o seguimento das dinámicas de ocupación do solo e axuda á planificación territorial mediante o uso de vehículos aéreos non tripulados; o reforzo da seguridade marítima da frota pesqueira galega e das actividades de seguimento da súa actividade mediante o uso de vehículos aéreos e mariños non tripulados e a automatización de mostraxes oceanográficas mediante vehículos non tripulados.

A primeira das licitacións (xestor de conxunto de datos xeorreferenciados obtidos por UAVs), por importe de 450.000 euros, ten por obxecto o desenvolvemento dunha plataforma para a xestión integral dos datos xeorreferenciados, co fin de ser accesibles de xeito sinxelo polos distintos usuarios de aplicacións de produción de información xeográfica.

A segunda licitación (adquisición, mantemento e automatización de bases topográficas e cartográficas mediante medios aéreos non tripulados), por importe de 1,5 millóns de euros, está relacionada coa primeira. Persegue o deseño, desenvolvemento e posta en operación dunha solución que permita a elaboración e edición de bases topográficas e cartográficas a partir dos datos capturados polos sensores aerotransportados en UAVs e noutros vehículos, aéreos, náuticos e terrestres. Esta solución permitirá acceder dun xeito rápido e sinxelo a esta información e dispor dunha capacidade de busca de información de alta eficiencia para o seu uso, por exemplo, na planificación de infraestruturas, na planificación hidrolóxica, no inventario e catalogación de bens culturais, etc.

A terceira contratación (seguimento das dinámicas de ocupación do solo e axuda á planificación territorial mediante o uso de vehículos aéreos non tripulados), por importe de 1,3 millóns de euros, busca unha solución que permita a elaboración de información sobre coberturas e usos do solo, así como un conxunto de ferramentas de apoio á planificación territorial a partir dos datos capturados polos sensores aerotransportados en UAVs e noutros vehículos aéreos, náuticos e terrestres. Esta solución permitirá optimizar a elaboración de instrumentos de ordenación urbanística e territorial, o control da legalidade urbanística, a planificación de áreas empresariais, a planificación agraria, entre outros usos.

No tocante á cuarta licitación (reforzo da seguridade marítima da frota pesqueira galega e das actividades de seguimento da súa actividade mediante o uso de vehículos aéreos e mariños non tripulados), que ascende a 1,5 millóns de euros, ten por obxectivo o desenvolvemento e posta en operación dunha solución que permita dotar aos organismos da Administración galega responsables do control da frota pesqueira, dun servizo mellorado que dea resposta, de xeito conxunto, a dúas necesidades: mellora da seguridade mediante un sistema de monitorización continua, e seguimento da actividade pesqueira e do cumprimento das condicións de traballo da frota.

Por último, a quinta licitación (automatización de mostraxes oceanográficas mediante vehículos non tripulados), por importe de 2,5 millóns de euros, ten por obxecto o deseño, desenvolvemento e posta en operación dunha solución que permita dotar aos organismos da Administración galega responsables do control das distintas masas de auga, dun servizo mellorado de mostraxe e recollida de datos, baseados nas novas tecnoloxías e no uso de vehículos autónomos aéreos e acuáticos, cun triple obxectivo: abaratar os custos de monitorización da calidade das augas; a mellora da periodicidade da toma de mostras e datos; e incrementar significativamente as posibilidades de realizar as actividades de control nas augas marítimas en condicións meteorolóxicas adversas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Venceslap

As boias para medir volumes de embalses ou calidades de augas pasaron de moda... claro. País!

1 Doutor Ghu

Os drones son os novos dragóns máxicos ou unicornios de cabeleiras multicolor.