Cales son os mellores cans para defender o gando dos ataques do lobo?

Serven o Can de Palleiro e o Careo Leonés para facer fronte ao lobo, tal e como incluíu a Xunta na nova orde de axuda aos gandeiros? Entidades que agrupan a ecoloxistas, cazadores e investigadores consideran que non son os máis apropiados.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/08/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O-Xan (Grupo de Debate e Opinión sobre a xestión do lobo en Galicia) destaca a convocatoria de axudas para á prevención de ataques ao gando da Xunta, pero critica que non se tiveran incorporado algunhas da súas demandas, entre elas, máis investimentos e a inclusión e a exclusión dalgunhas razas de cans.

Carea leonés gardando un rebaño
Carea leonés gardando un rebaño | Fonte: O-Xan

Esta entidade formada por asociacións gandeiras e sindicatos agrarios (UUAA, SLG, ACRUGA, OVICA, PURAGA, ASOPORCEL e SGPF), de cazadores (UNITEGA, UNAC e Asociación de Clubes de Caza Maior), entidades conservacionistas (AGCT), investigadores e gandeiros a título individual, non comparte que a Xunta incluira como razas de garda e protección do gando ao Carea Leonés ou o Can de Palleiro. “Consideramos que estas son razas de pastoreo que serven para guiar o gando e non para protexelo. Sendo estas unhas razas importantes no manexo do gando, non son cans de protección contra os ataques do lobo nin se poden deixar co gando sen a presenza do gandeiro/a”, indica.

Por norma xeral é a Federación Cinolóxica Internacional a que clasifica as razas de cans en función das súas características morfolóxicas que, tradicionalmente, se seleccionaron para diferentes usos. No grupo I están os Cans pastor e cans boieros, entre os que se inclúen o Pastor Alemán, o Husky Siberiano, o Pastor Belga, o Border Collie e o Pastor Leonés e o Can de Palleiro. “Estas razas empréganse para a guía do gando baseando a súa función no medo que ten o gando ao ataque simulado e dirixido polo gandeiro do can”, sinala O-Xan. Son razas con gran obediencia, axilidade e de gran utilidade tanto en traballos de pastoreo como en concursos de Agility.

Cans de defensa ante ataques de lobos

Non obstante, lembra que no grupo II están as razas Molosas e cans de montaña. Neste caso son cans de grande tamaño empregados para a defensa, non para o ataque. Son razas como o Mastín Español (ou Mastín Leonés, en Galicia), o Mastín dos Pirineos, o Montaña de los Pirineos (ou Gran Pirieo), o Can de Castro Laboreiro (en Portugal) entre moitas outras. “Estas son razas de cans de cabeza grande e orellas caídas. Entre elas, os Mastíns son razas afables e tranquilas co gando e coa xente coñecida, pero defensores do seu rabaño diante dos animais salvaxes ou de xente estraña”, di nun comunicado.

Mastín Leonés vixiando un reballo de ovellas
Mastín Leonés vixiando un reballo de ovellas | Fonte: O-Xan

Polo tanto, e segundo esta clasificación, O-Xan entende que “non ten ningún sentido”, apostar polo financiamento público do Carea Leonés ou do Can de Palleiro de manexo dentro da liña de protección do gando, porque “non están a cumprir co obxectivo último da orde de axudas e ao mesmo tempo se lle reduce asignación de recursos a outros investimentos de eficacia contrastada, polo que o efecto é dobremente negativo”. Por iso, aposta por recuperar liñas retiradas no seu día para a cría e reparto de cadelos de razas de garda como o mastín leonés e fomentar a difusión e formación entre os gandeiros destas medidas.

Dende O-Xan tamén se considera “primordial” a inclusión dos custes de mantemento dos cans de garda (alimentación, sanidade, etc...) xa que constitúen un atranco á hora da súa implantación.  “O uso destes tipos de cans de garda e de protección sería prescindible, a non ser motivado pola propia existencia do lobo en Galicia, polo que debe ser asumido polo conxunto da sociedade”, engade. 

Esta entidade trasladoulle estas peticións á Consellería do Medio Rural, e reclamou, tamén unha correcta planificación das solicitudes e outros investimentos que agora non están contemplados omo son os peches fixos con malla ovelleira e arames electrificados.

Destacan a nova orde

Con todo, O-Xan valora positivamente a convocatoria de axudas para á prevención de ataques ao gando e que se convocara xa de xeito regular cun importante orzamento de 180.000 euros. Tamén destaca a inclusión da raza Mastín do Pirineo como can de garda, unha raza de can moloso empregada na defensa do gando (orixinaria de Aragón), e a mellora dos criterios de prioridade, dando unha alta puntuación aos gandeiros que sufriron ataques nos seus rabaños nos últimos anos.

Tamén se corrixiron erros na descrición das características técnicas dos pastores eléctricos e se ampliaron as axudas a aqueles conectados á rede eléctrica e os que están alimentados só por baterías (mantendo os de placa fotovoltaica).

Can de palleiro, raza en perigo de extinción
Can de palleiro, raza en perigo de extinción | Fonte: can-gatos.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta