Avalancha de turistas e caravanas en Carnota

O BNG local pide a regulación do turismo. Ata 46 caravanas colapsaron a cabeceira da praia de Maceiras.

Por Galicia Confidencial | Carnota | 22/08/2017 | Actualizada ás 11:03

Comparte esta noticia

Avalancha de turistas en Carnota este pasado luns. Así o denuncia o BNG local que di que a situación este ano “desbordouse completamente” coa chegada masiva de caravanas e ante o efecto chamada de varias redes sociais que promocionaron este destino desde “un enfoque pouco respectuoso co entorno e irresponsábel”.

Numerosas caravana aparcadas nos areais de Carnota
Numerosas caravana aparcadas nos areais de Carnota | Fonte: BNG Carnota

Ante esta situación, as autoridades locais tiveron que pechar o tráfico rodado de determinadas vías e desaloxar zonas costeiras “absolutamente ateigadas de caravanas que converteran o ecosistema dunar nunha especie de camping ilegal”. De feito, a Policía Local mesmo tivo que impoñer sancións de diversa entidade.

“Somos conscientes que estas solucións non satisfán a todas as partes, e pedimos paciencia e comprensión ante a complexidade dun problema estacional que se da nun Concello no que, para maior dificultade, boa parte do seu territorio e costa depende doutras entidades públicas (nomeadamente da Demarcación de Costas do Estado) ou está protexida pola figura de Rede Natura”, indica o BNG local nun comunicado. Por iso, suliña que, “con estes vimbios” hai que compatibilizar as actividades turísticas, veciñais e o respecto da lexislación e da conservación do medio ambiente. 

Así, lembra que o BNG na corporación municipal tentou sempre dar unha resposta a esta problemática, primeiro cun proxecto de cámping municipal na Boca do Río (frustrado por tratarse de zona 1 da Rede Natura), e agora presentando un ambicioso proxecto para a creación dunha ampla zona de aparcadoiro municipal en Lombáns, que contará cunhas instalacións apropiadas tanto para automóbiles coma caravanas. “Este proxecto, orzamentado en 300.000€ que o Concello aínda non pode asumir por si mesmo, só recibiu 5.000€ de dotación ata o momento, claramente insuficientes para a posta en marcha deste novo e a todas luces necesario servizo público para veciñanza e visitantes”, aclara.

A presenza de animais domésticos na praia

Por outra parte, esta formación denuncia a presenza de mascotas nos areais e mesmo foi motivo de debate pola ordenanza aprobada polo Concello este ano, que restrinxiu esta opción a determinadas franxas horarias. “A limitación legal de levar animais domésticos ás praias é xeralizada por simples cuestións medioambientais”, aclara. 

“Pode que esta solución non satisfaga a todo o mundo pero buscou ser ecuánime e permitir o goce dos nosos areais por todas as persoas. Por outra parte o Concello xa está a barallar que praias do noso municipio poderían ser compatíbeis coa presenza de animais domésticos en horario de baño, sen perxudicar nin a súa delicada biodiversidade nin a outras persoas”, conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

4 Vadebois

Fai ben o BNG de Carnota en sacar esa nota de prensa para poñer en negro sobre branco a sua incompetencia. Un grupo carente de todo sentido da xestión pública, ignorante dos conceitos máis básicos do goberno, que leva a Carnota á deriva. Proba diso é que, desde a súa chegada ao goberno fai 6 anos o Concello perdeu o 20% da poboación. Non poden botarlle a culpa a ninguén da súa incapacidade para xestionar o feito turístico no concello, porque nunca tiveron un plan. Sempre houbo autocaravanas nas praias de Carnota, pero este ano, ademáis hai protestas dos veciños, que se fartaron de non ter onde aparcar e ver campamentos permanentes. Laiarse despois de 6 anos gobernando sen tomar unha decisión de xestión turística nun concello cada vez máis atractivo para o turismo é un indicador da mediocridade de quen goberna.

1 Costa

A culpa é do BNG coma sempre, por eliminar a débeda municipal de máis de 5 millóns de euros que deixóu o PP , si si máis de 5 millóns de euros nun pobo duns 5000 habitantes!!!!!! Por reducir os custos das nóminas dos políticos de 160.000 a 30.000 pero a culpa é do BNG. Algo que non conseguiu foi frear a sangría migratoria e demográfica que sofre toda Galicia, tes razón a ver se acceden o goberno da Xunta para tomaren medidas.

2 Vadebois

Se a xente de Carnota votou ao BNG foi para librarnos da desfeita do PP. Pero despois de 6 anos de goberno non nos vendas de novo o dos salarios nin a austeridade. O austericidio ao que sometedes ao noso concello, a falla de proxectos de progreso e a falla de oposición política que azuzase a acción de goberno, levaron Carnota a un estado case vexetal, vexetal "a monte", iso si. É ben triste cando lle preguntas á xente qué tal goberna un alcalde e che din: "valer non vale moito, pero polo menos non rouba".

3 txourizospepososnon

En primeiro lugar as autocaravanas aquí é un turismo cutre, cutre... Non gastan máis que o imprescindible porque se non non anda. Durmen en calquera sitio incluídas fincas particulares se están abertas. Pisan todo no campo onde aparcan... O turismo masivo é totalmente antiecolóxico. E todas esas aparcadas aí denotan que non teñen o máis mínimo respecto polo medio ambiente.

2 Galispaña

Benegallos, upegallos e demais nacionalistos xa non queren xente na súa Galiza que os moleste. Todos fóra. Van pedir consello a Trumpitas para facer o Gran Valado Galaico con alcolitos para erradicalos e pedir a independensia. Logo farán limpeza étnica dentro do valado e colgarán cabezas de españolentos nos carballos. Fora turistas go home, cambiemos as caravanas por carros e os usemos os fumeiros para a loita!!!

1 Papuxa

Aprende a escribir, pptrollo

1 Gamela

Non estamos a esaxerar con iso da avalancha ? O digo porque hai dou días en Samil seica non había siquera sitio para meter unha toalla... e supoño que Carnota ten praia para dar e tomar... animais incluídos... e ás autocaravanas poderían deixarlle pasar alomenos unha noite de cortesía... A ver se estamos volvéndonos tolos e chamamos avalancha a mil persoas nunha praia de 6 kms ???

1 Papuxa

Tourists go away!

2 Gamela

Os turistas marchan... e algúns regresan e mercan as casas que nós deixamos morrer!