Polémica no Festival V de Valarés pola acampada

Satisfación entre os ecoloxistas, pero duras críticas de parte dos asistentes ao festival de música indie na Costa da Morte que se organiza ao carón dun espazo natural protexido.

Por Galicia Confidencial | Ponteceso | 20/08/2017 | Actualizada ás 15:49

Comparte esta noticia

A acampada do Festival V de Valarés en pasadas edicións estaba ao carón da praia, nun pinar fermosísimo. O problema é que esa zona é Rede Natura, o que desatara as críticas de ecoloxistas, entre outros ADEGA, contra a Xunta por permitilo.

Zona de camping no V de Valarés 2017
Zona de camping no V de Valarés 2017 | Fonte: Fani García Facebook

Este ano cambiou, e moito, o conto: “tras a notoria polémica do 2016, que terminou en inspección e advertencia de graves sancións por parte do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) aos organizadores do festival por incumprimento das condicións impostas, é de celebrar que este ano a Xunta de Galicia non autorizase a organización dunha acampada no piñeiral de Balarés, que volveu a ser o que sempre foi, un ben gratuíto para o disfrute e esparexemento da cidadanía, non un espazo acoutado e de pago para beneficio dun ente privado”, explican dende a asociación Salvemos Cabana. 

O cambio de ubicación non suscitou aplausos entre o público. As redes sociais do Festival están inzadas de comentarios críticos coa nova zona, acompañados de fotografías dun monte acabado de rozar  e sen iluminación. 

"A zona de acampada xa non ten nome, porque chamarche camping a esa ratoneira chea de toxos e silvas mal desbrozadas é querernos tomar por tontos. Mal acondicionada, moi pequena, sen ningún tipo de control por parte da organización... Un desastre...", é un exemplo entre ducias de ataques á organización.

Con todo, o desprazamento da acampada non lle parece dabondo aos ecoloxistas. Salvemos Cabana solicita “un cambio de emprezamento” do festival, que durante dous días acolleu a actuación de grupos punteiros no mercado musical estatal como Los Planetas ou Love of Lesbian.

Instalacións do V de Valarés
Instalacións do V de Valarés | Fonte: Salvemos Cabana

Na súa opinión,  o principal problema foi o impacto sonoro sobre as localidades circundantes ata altas horas da noite.

O festival V de Valarés celébrase nas inmediacións dun espazo litoral de alto valor ecolóxico incluído dentro da Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) Costa da Morte, ZEPVN-ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) Costa da Morte (norte) e dentro de e  dentro de a Rede Natura 2000 -ZEC Costa da Morte e ZEPA Costa da Morte (norte) en Zona 1 ou "área de protección " e que, por tanto, está suxeita á aplicación do decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria en Galicia e apróbase o Plan director da Rede Natura 2000.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Bilirubén

Hai que poñer multas a quen tira lixo. Xa na primeira foto hai unha lata no chan. Estes festivais, e calquera festival, acaba deixando unha morea delixo de xente incívica e pouco respectuosa. Na cidade aínda ten menos impacto, a non ser que sexa unha cidade costeira, pero xa na natureza é un crime. Nin bo rollo nin nada, é un crime botar lixo sen control.

1 eu son eu

Ollo ao piollo: ¿Quén patrocina o conto? ---> Mahou. Xa fica todo dito.