Veloso arrasa na crono final

O ciclista arousán vence na última etapa, contra o reloxo de 20 quilómetros, e suma dúas vitorias parciais na 79ª edición da Volta a Portugal. Álex Marque, 3º a 18 segundos, remata quinto na xeral, a 7,10 do vencedor, Raúl Alarcón.

Por gcdeportes | Compostela | 16/08/2017 | Actualizada ás 04:19

Comparte esta noticia

“Hoxe quería mostrar que onte foi un mal momento, pero que fixen as cousas ben e ás veces estas cousas pasan no ciclismo, o que fai que o ciclismo sexa tan bonito”. Fallou na tentativa de gañar a súa terceira Grandíssima por un mal día, que coincidiu coa etapa raíña do luns, pero Gustavo César Veloso (W52-FC Porto) marcha da 79ª edición da Volta a Portugal con dúas vitorias de etapa.

Para resarcirse do fallo anterior, Gustavo Veloso impúxose na tirada final, etapa contra o reloxo de 20,3 quilómetros con saída e chegada en Viseu. Fíxoo cun tempo de 26 minutos e a 46,385 kms/h, quince segundos máis rápido que o segundo, o líder e vencedor final da Volta, o seu compañeiro de equipo Raúl Alarcón. Demostración de calidade do arousán para despexar dúbidas.

Terceiro foi o outro ciclista galego, Álex Marque (Sporting-Tavira), a 18 segundos do seu amigo Veloso. Co resultado na crono, o estradense, vencedor da Volta no 2013, ascendeu dous postos na xeral para rematar quinto na clasificación final, a 7,10 de Raúl Alarcón.

“Fico contento e feliz por el [Raúl Alarcón]. Hai uns anos, el estaba para deixar a bicicleta. As persoas non o saben, pero el estaba a limpar coches e cando me dixeron que viña para o equipo, toda a xente apostou por el e para min é case coma un fillo deportivo. Teño uns cantos, por iso me chaman Papá Veloso. E cando eu non gaño, se gaña un deses fillos, é como se gañase eu”, revelou o ciclista arousán na RTP.

“Estas palabras del son moi importantes. Eu teño moito que agradecerlle… É un grandísimo compañeiro, pero sobre todo un grande amigo. Nunca competimos entre nós, tentamos facer sempre o mellor posíbel para conseguirmos a vitoria final da xeral, pois o importante era que ficase no equipo”, correspondeulle Raúl Alarcón.

Gustavo Veloso, no podio cos seus fillos tras gañar a CRI en Viseu.
Gustavo Veloso, no podio cos seus fillos tras gañar a CRI en Viseu. | Fonte: volta-portugal.com

Deste xeito, Gustavo César Veloso, de 37 anos, vencedor da Grandíssima no 2014 e 2015 e segundo no 2013 e 2016, remata a 79ª edición da Volta a Portugal (90 anos de historia) con dúas vitorias de etapa, a quinta en Viana do Castelo e esta última, CRI en Viseu. Ademáis, foi segundo na sétima etapa, con final no Santuário Nossa Senhora Assunçao.

Clasificación xeral final:

1º Raúl Alarcón (W52-FC Porto) 41h:46:14
2º Amaro Antunes (W52-FC Porto) a 1,23
3º Vicente de Mateos (Louletano) a 5,25
4º Rinaldo Nocentini (Sporting-Tavira) a 5,54
5º Álex Marque (Sporting-Tavira) a 7,10
6º António Carvalho (W52-FC Porto) a 7,25
7º João Benta (RP-Boavista) a 7,54
8º Henrique Casimiro (Efapel) a 8,11
9º Sérgio Paulinho (Efapel) a 8,36
24º Gustavo Veloso (W52-FC Porto), a 42,09

Aperta de Gustavo Veloso co vencedor, o seu amigo Raúl Alarcón.
Aperta de Gustavo Veloso co vencedor, o seu amigo Raúl Alarcón. | Fonte: volta-portugal.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Costumes machistas

Vexo que en Portugal tamén existe esa tradición machista de que dúas mulleres bonitas lle dean bicos ao campión. Logo saen as azafatas dicindo que as tratan moi ben e que non lles parece mal: home, sóltanlle unha boa cantidade de euros por traballar de floreiros e dar bicos, como para queixarse... Seguro que tampouco lles parece mal se as deixan entrar gratis nunha discoteca na que se non tes tetas pagas 15€, mais iso non deixa de ser machismo e tratar as mulleres coma unha mercadoría. Non se pode acadar a igualdade se a mentalidade social é machista e patriarcal e as mulleres en vez de atacar á raíz do problema só se preocupan do que lles resulta negativo, mais cando saen beneficiadas, calan aínda que sexa un acto machista.