Novo curso para o Obra

O equipo compostelán, que principiará a súa sétima campaña consecutiva na ACB en Sar contra Zaragoza, comeza os adestramentos con tan só a metade do plantel. Definido o calendario de pretempada, no que o FC Porto será o primeiro rival o vindeiro día 30.

Por gcdeportes | Compostela | 15/08/2017 | Actualizada ás 09:41

Comparte esta noticia

O Obradoiro 2017-18 xa botou a andar. Ás ordes de Moncho Fernández por oitava campaña consecutiva (a do ascenso á ACB e sete seguidas na máxima categoría), o equipo compostelán completou este luns a primeira sesión dobre de adestramentos no pavillón de Fontiñas.

O corpo técnico de Moncho Fernández, na primeira sesión do curso.
O corpo técnico de Moncho Fernández, na primeira sesión do curso. | Fonte: @OBRADOIROCAB

Foron tan só seis os xogadores do primeiro plantel que completaron a primeira xornada de adestramentos debido ás ausencias do montenegrino Nemanja Radovic, o ucraíno Artem Pustovyi (Ucraína), o lituano Eimantas Bendzius e o checo Adam Pechacek, todos coas súas seleccións; e dos estadounidenses Matt Thomas e Benjamin Simons, pendentes dos visados e que o club agarda que se incorporen a vindeira semana, en canto pisen Compostela.

Deste xeito, os veteranos Pepe Pozas, Alberto Corbacho e Nacho Llovet fixeron de anfitrións dos novos Albert Sabat, David Navarro, Martins Laksa e o letón Verners Kohs, que sairá cedido neste primeiro curso con contrato no Obra. O equipo foi reforzado por xogadores da canteira: Rodrigo Gómez, Juan Castro, Brais Losada, Rafael García, Enrique Melini e Alexei Pérez.

A sesión de físico e pista da mañá arrincou despois de que o equipo se reunise para almorzar e coller forzas no Hotel OCA Puerta del Camino, membro do Club de Empresas Obradoiro, onde o director xeral José Luis Mateo deulles a benvida ás novas fichaxes e os vellos coñecidos.

Mentres o Monbus Obradoiro volvía a suar, a ACB anunciaba por segunda vez o calendario, trala obrigada admisión do Real Betis Energía Plus. Así, o equipo compostelán arrincará a Liga no Fontes do Sar contra Zaragoza (30 set-1 out) e visitará ao campión, Valencia, xa na segunda xornada. O Real Madrid viaxa a Compostela na xornada 12ª (16/17 de decembro) e os de Moncho Fernández pecharán a Liga na casa con Baskonia o 24 de maio do 2018.

Primeira foto de familia do Obradoiro 2017-18, no Hotel Puerta del Camino.
Primeira foto de familia do Obradoiro 2017-18, no Hotel Puerta del Camino. | Fonte: @OBRADOIROCAB

Para preparar o arrinque da Liga, varios amigables previstos no calendario do Obradoiro. O día 30 de agosto, contra FC Porto; e o 3 de setembro, contra o Barça no Memorial Quino Salvo en Vigo. O Obra viaxará o 8 e 9 a Logroño para o Circuíto Movistar contra Estudiantes e Baskonia. A seguinte fin de semana, 15 e 16 de setembro, o Torneo EncestaRías en Vilagarcía con Bilbao, Joventut e Burgos. A fin de semana previa ao arrinque da Liga, será o turno para a fase final da Copa Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta