Un dezao con título europeo

O lalinense Javier Busto acada o título de campión de Europa BTT de cross country maratón (XCM) en categoría Máster 35 en Eslovaquia.

Por gcdeportes | Lalín | 14/08/2017 | Actualizada ás 09:51

Comparte esta noticia

O lalinense Javier Busto (Extol-La Gramola Team) proclamouse este domingo na localidade eslovaca de Svit campión de Europa de cross country maratón (XCM) na categoría Máster 35. O vencedor do último campionato de Galicia desta modalidade impúxose desta vez nun percorrido de 134 quilómetros con ata 4.200 metros de desnivel positivo acumulado.

Javi Busto, campión de Europa de XCM en categoría Máster 35.
Javi Busto, campión de Europa de XCM en categoría Máster 35. | Fonte: @F_Gal_Ciclismo

“Foi unha proba durísima. Á marxe da distancia e da esixencia do trazado, complicouse aínda máis polas chuvias da noite anterior e parte do circuíto era un lamazal”, sinalou Busto.

Antes do inicio da carreira, o dezao, que decidiu a última hora a súa participación no campionato en Eslovaquia, levou unha decepción ao comprobar que as saídas dos elites e dos masters ían ser independentes. Quedouse coa sensación “de non poder medirme aos mellores”, e controlou de principio a fin a competición na súa categoría.

Xunto a outros dous corredores puxo terra de por medio nos primeiros quilómetros e un dos seus acompañantes non aturou o ritmo na subida máis dura, dende o quilómetro 50 ata o 62. “Dende aí ata a meta adiqueime a regular sen baixar o ritmo para acadar a vitoria na categoría Máster 35”, afirmou o biker do Extol-La Gramola Team.

Na liña de meta, Javi Busto marcou un tempo de 6h:20:14 segundos. A segunda posición nos masters 35 ocupouna o vasco Patxi Cia (Powe Bikes), cun rexistro de 6h:24:04 e a terceira correspondeulle ao ruso Andrey Dianov (Loyalty Point), que chegou a 15 minutos do lalinense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Castelao

Grande Busto!!!

1 Xentilicios e castrapo

De que parte son os de Zano? Os de Deza somos dezaos e as de Deza, dezás.