Veloso, segundo a segundo

O ciclista arousán recupera sete segundos, catro en meta e tres en bonificacións, na oitava etapa da Volta a Portugal e colócase a 26 segundos da amarela antes da etapa raíña. Álex Marque, 10º a 2,08, corre dende a terceira etapa cunha fisura nunha costela.

Por gcdeportes | Compostela | 14/08/2017 | Actualizada ás 08:27

Comparte esta noticia

Segundo a segundo, Gustavo Veloso achégase á camisola amarela da Volta a Portugal. Na oitava tirada, na xornada anterior á disputa da etapa raíña, o ciclista arousán recuperou sete segundos, catro na liña de meta e outros tres de bonificación na última das metas volantes. Na clasificación xeral, Veloso segue cuarto, pero agora a tan só 26 segundos do líder, o seu compañeiro no W52-FC Porto Raúl Alarcón, a falla de dúas etapas.

O arousán Gustavo Veloso, a 26 segundos da amarela de Raúl Alarcón.
O arousán Gustavo Veloso, a 26 segundos da amarela de Raúl Alarcón. | Fonte: volta-portugal.com

Mentres, o estradense Álex Marque foi décimo na etapa, entrando xunto co camisola amarela a catro segundos do vencedor, Vicente de Mateos, outro dos candidatos á vitoria na Volta, que gañou ao esprinte e acadou dez segundos de bonificación. Marque, décimo na xeral a 2,08 do líder, corre cunha fisura nunha costela dende a terceira etapa, segundo revelou este domingo a agência Lusa.

Na oitava etapa, de 159,8 quilómetros entre Gondomar e Oliveira de Azeméis, a priori de trámite antes das dúas últimas e decisivas, os candidatos á vitoria final loitaron por cada segundo. Así, na última meta volante, despois de que Efapel botara abaixo a fuga do día, Veloso (W52-FC Porto Porto) apañou tres segundos, seguido de Vicente de Mateos (dous) e Rinaldo Nocentini (uno).

O W52-FC Porto de Veloso e Alarcón controlou o pelotón nos últimos quilómetros e preparou a chegada dos seus líderes na dura subida final a meta. Amaro Antunes lanzou o esprinte para os seus, pero Vicente de Mateos foi o máis rápido, seguido por Daniel Mestre e Marco Tizza. Gustavo Veloso foi cuarto e Nocentini quinto, pero houbo un corte no pelotón e o líder Raúl Alarcón perdeu catro valiosos segundos.

Coas bonificacións acadadas, De Mateos (14+2) subiu ao 2º posto na xeral, Nocentini (4+1) é terceiro a 19 segundos e Veloso (4+3), cuarto a 26’. Este luns, novena e penúltima etapa de 184,1 quilómetros entre Lousã e Guarda, con paso polo alto da Torre, na Serra da Estrela, único porto de categoría especial da 79ª edición da Volta a Portugal.


Clasificación xeral:

1º Raúl Alarcón (W52-FC Porto) 36h:23:13
2º Vicente de Mateos (Louletano), a 14s
3º Rinaldo Nocentini (Sporting-Tavira), a 19s
4º Gustavo Veloso (W52-FC Porto), a 26s
5º Amaro Antunes (W52-FC Porto), a 34s
6º João Benta (RP-Boavista), a 1,35
7º António Carvalho (W52-FC Porto), a 1,58
8º Henrique Casimiro (Efapel), a 2,08
9º Sérgio Paulinho (Efapel), a 2,08
10º Álex Marque (Sporting-Tavira), a 2,08

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta