O Leyma ten boa pinta

O Básquet Coruña anuncia a fichaxe do pivote Dmitry Flis, de 2,03 e 32 anos, procedente do COB e con ampla experiencia na ACB, co que Gustava Aranzana ten xa dez xogadores no seu plantel.

Por gcdeportes | A Coruña | 13/08/2017 | Actualizada ás 09:26

Comparte esta noticia

Dos tres equipos galegos da LEB Ouro, o Leyma Coruña é quen ten máis avanzado o seu plantel para a vindeira campaña. E pinta ben o equipo coruñés. Coa fichaxe anunciada do desexado Dmitry Flis, ala-pivote de 2,03 metros e 32 anos, son xa dez os xogadores ás ordes do técnico Gustavo Aranzana.

Dmitry Flis, coa camisola do COB en Riazor, lanza ante Sergio Olmos.
Dmitry Flis, coa camisola do COB en Riazor, lanza ante Sergio Olmos. | Fonte: @basquetcoruna

Nacido en Kaliningrado (Rusia) e en posesión da nacionalidade española dende 2009, Dmitri Flis procede do COB Ourense, onde a pasada campaña promediou durante a Liga regular 11 puntos (45% en T2, 37% en T3 e 72% en tiros libres) e 5 rebotes en 27 minutos de xogo. Segundo o propio Leyma, “Flis é un catro moderno, xa que ofensivamente é quen de abrir o campo co seu tiro dende calquera posición. Ademáis, é moi perigoso no 1x1 de cara, visión de xogo e capacidade de pase. Defensivamente é un  bo reboteador, moi duro e pode defender tanto preto coma lonxe da zona”.

Un xogador completo e cunha longa experiencia no básquet español, tras formarse na canteira da Penya, a onde chegou con 16 anos. Co Joventut de Badalona, Flis chegou a conquistar dous títulos europeos (2006 e 2008) e unha Copa do Rey (2008) e pasou por Andorra (LEB), Ural Ekaterimburgo (Superliga Rusa) e Manresa (ACB) antes de fichar polo Club Ourense Baloncesto.
Será o de Básquet Coruña un xogo interior poderoso e experimentando, coa renovación de Sergio Olmos (30 anos), o regreso de Edu Hernández-Sonseca (34 anos) e a fichaxe agora de Dmitry Flis (32 anos). Ademáis, o ex de CB Breogán Jonathan Gilling (26 anos) pode xogar tanto de tres coma de catro.

Deste xeito, o Leyma Coruña de Gustavo Aranzana conta xa con dez xogadores, a unha semana do arrinque dos adestramentos: catro renovacións (Ángel Hernández, Larry Abia, Sergio Olmos e Pablo Ferreiro) e seis novas fichaxes: Jorge Sanz, Mike Torres, Trevor Cooney, Jonathan Gilling, Edu Hernández-Sonseca e Dmitry Flis. Faltan aínda un par de pezas para completar o equipo 2017-18.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta