Por galfon (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com.es/) | GC ABERTO | 13/08/2017
Ao finado Manuel Fraga Iribarne sendo Ministro de Información e Turismo do Goberno de Franco, atribúeselle desempeñar unha función crave no aperturismo turístico de España, na súa conversión nunha actividade económica - industrial, así como no establecemento do marco operativo para a ordenación legal de funcionamento do sector, e naquel momento, a de ser tamén quen sentou as bases de explotación do coñecido modelo do 'sol e praia' español.
Aspectos todos eles que durante os anos sesenta e setenta fixeron da actividade turística o eixo fundamental da “creación de riqueza e emprego”, polo menos así propagan os anais do franquismo; unha función económica que non só mantivo o seu curso na transición, senón que como consecuencia da Adhesión á Comunidade Europea, a reconversión industrial de acompañamento acabou influíndo de forma nefastas no noso devir futuro, pois ao inducir unha desindustrialización masiva incentivou unha tercerización desproporcionada da nosa estrutura produtiva, ata o extremo de atomizar e masificar o volume do sector turístico.
Por iso é polo que actualmente a estrutura do noso tecido produtivo caracterícese por un elevado peso do sector servizos con acentuada supremacía do turismo, contra unha baixa presenza do sector industrial, un acentuado desaxuste na diversificación sectorial nada favorable para lograr a compensación entre esferas económicas de distinto signo, que en boa lóxica debesen conformar a nosa estrutura produtiva.
Ante este escenario, parasitar na continuidade dos feitos, asumindo o rol de vítimas da desindustrialización e non facer nada por conducir o centro de gravidade cara a outra lóxica produtiva, non resulta ser o camiño indicado para impulsar medidas correctoras a este modelo claramente insustentable, e moito menos, a maneira máis acertada para establecer alternativamente enfoques dinámicos e de estratexia de país coa premisa de orientar a recuperación do sector industrial como única solución inductora de calidade e estabilidade á precariedade e temporalidade dominante
Manterse na absurda dinámica de ganduxar o funcionamento da nosa economía aos avatares da actividade turística, é cando menos un desacerto ademais dunha obstinación política, por resultar de sobras sabido, que mais dun terzo das actuais pernoctación de estranxeiros no país obedecen a tensións xeopolíticas ou terroristas dos principais países competidores; por tanto, froito dun auxe conxuntural que desencadeará unha burbulla a curto prazo en coincidencia coa máis que probable estabilización no ámbito territorial dos destinos rivais, unha circunstancia que devolverá os indicadores de crecemento a outra realidade distinta fronte ao dobre díxito da estatística actual.
A actividade turística que desempeñada na racionalidade e planificación dun ámbito sectorial diversificado reportaría vantaxes á economía do país, deixa de facelo cando os acontecementos exceden as previsións, pois cando isto ocorre, a expansión desmesurada dos niveis de afluencia máis que carrexar melloras provoca prexuízos, creando por “efecto invasión” un escenario de conflitividade socio-ambiental, tendo en conta que a masificación sen control e o “monocultivo” turístico, fóra dos pingües beneficios que reporta ás multinacionais de ramo, é dicir, aos tour operadores posuidores de avións, axencias de viaxes e hoteis, polo demais, produce de forma xeneralizada quebrantamentos de distinta índole en amplos sectores da sociedade.
Unha mostra de reacción a tan nociva influencia é a denominada 'turismofobia' unha actitude de réplica protagonizada maiormente pola xeneralidade dunha veciñanza que ve afectado por saturación turística a súa contorna física de residencia, duns afectados que pola mera defensa dos seus dereitos o Presidente Rajoy tacha de descerebrados; unha descualificación propia de quen se decanta por que sexa o mercado quen interveña en exclusiva sobre asuntos que competen ao conxunto da cidadanía. Ou o que é o mesmo, por quen desde o seu neoliberalismo político sitúa en segundo plano a protección da natureza, a sustentabilidade, o equilibrio territorial, o emprego de calidade e o benestar comunitario abrindo barra libre aos exceso dun turismo de baixa calidade.
É por iso que o preconizado auxe que se lle confire á actividade turística a efectos de rendibilidade, sexa máis ficticio que efectivo, pois cando o seu incremento cuantitativo trae como resultas a intensificación do malestar dun amplo sector da cidadanía que ve ameazada a súa habitabilidade, cando ademais de aproveitarse dos investimentos infraestructurais colectivos non reporta retornos económicos de goce da cidade e cando os fondos de investimento especulativos acaparan centenares de pisos para a súa transformación en aloxamentos turísticos que menoscaban co seu impacto as formas de vida tradicionais dos barrios concernidos e , en última instancia, o baleiramento da cidade
Nada positivo pódese dicir por tanto da actual actividade turística, como tampouco nada hai que censurar á 'turismofobia' emerxente; pero si moito que reprochar a quen propaga a utilización desmedida do turismo como táboa de salvación do seu fracaso político.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.