Rosalía e Raül Refree: a 'fonte que mana e corre' na Coruña

A avanzada do 'novo flamenco' dá comezo a unha semana de música dentro do Festival Noroeste

Por E.P. | A CORUÑA | 09/08/2017 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

'Que bien sé yo la fuente que mana y corre, aunque es de noche'. Son versos de San Juan de la Cruz que foron interpretados maxistralmente por Enrique Morente e que agora reinventa Rosalía Vila xunto a Raül Fernández Miró á guitarra.

Rosalía e Raül Refree na Coruña
Rosalía e Raül Refree na Coruña | Fonte: Europa Press

A poesía de 'Los ángeles', o proxecto conxunto de Rosalía e Raül 'Refree', resoou onte á noite con especial épica no Castelo de San Antón, no primeiro día dos concertos que asolagan A Coruña esta semana, no marco do Festival Noroeste Estrella Galicia.

A cantaora e o produtor, artistas ambos en estado de graza, volvéronse a subir ao escenario en Galicia, nesta ocasión nun espazo tan 'sui géneris' como unha fortaleza que en tempos serviu para defender a cidade, que tamén foi cárcere e lazareto.

E repetiuse o guión que xa se dese a finais de xuño na Illa de Arousa (Pontevedra), dentro do Atlantic Fest: colas e xente que quedou coas ganas de ver o seu espectáculo, que volveu pór en pé a un público coa pel de galiña.

Cunha listaxe practicamente idéntica, empezou por alegrías con 'Se ti soubeses compañeiro' e no segundo tema volveron resoar os ecos de Morente co misticismo de 'Aunque es de noche', de San Juan de la Cruz.

Xa co corazón encolleito entre os afortunados que enchían o castelo, viñeron máis cancións como a malagueña 'Quedamos solitos' e os tientos de 'Por mi puerta no la pasen'.

'Catalina', o máis parecido a un 'hit' de 'Los ángeles', foi recibido con comentarios de satisfacción entre os fans máis novos. Pero aínda habería tempo para moitos outros, como os fandangos de 'Que muere que muere', a milonga de 'La hija de Juan Simón' e os fandanguillos de 'Por castigarme tan fuerte'.

As seguidillas en 'De plata' estiveron nos 'bises', que Rosalía pechou, do mesmo xeito que o disco, coa escuridade de 'I See A Darkness', de Will Oldham, cantada coa versión folk de Bonnie 'Prince' Billy.

'A REVELACIÓN'

Di Rosalía Vila, catalá de 24 anos, que na súa casa de pequena adoitaba soar unicamente música anglosaxoa, desde Bob Dylan e Marley ata Bruce Springsteen, e que só lembra a primeira 'cassette' de Estopa como música cantada en español.

Con todo, que un día escoitou a Camarón nun parque, asegura, e viu 'a luz' do flamenco. De aí á súa transformación na máis moderna Niña de los Peines, a historia xa vai sendo coñecida, aínda que quede moito por escribir.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta