Folk de primeiro nivel na noite compostelá

Saíron xa á venda as entradas para o concerto “Noite para Angus” no que participarán a banda escocesa Shooglenifty e as galegas Banda das Crechas e Tanxugueiras.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/08/2017 | Actualizada ás 11:02

Comparte esta noticia

As entradas poden atoparse en ataquilla.com dende só 12 euros máis gasto. A actuación comezará a partir das 21 horas na Praza da Quintana de Santiago o próximo domingo 20 de agosto.

Shooglenifty
Shooglenifty

Este espectáculo está dedicado a Angus R. Grant, o violinista e frontman de Shooglenifty, que morreu o pasado outubro e que tiña moita relación con Galicia e coa música galega e lle ten dedicado mesmo un tema a Vigo, “Two fifty to Vigo”. 

O pasado xaneiro no Celtic Connections de Glasgow celebrouse un concerto-tributo coa participación de máis de 60 artistas de varios países, ‘A night for Angus’, na que participou a propia Banda das Crechas e as Tanxugueiras. 

Así que desde Galicia tamén queremos recordar a Angus cun concerto no que participarán Shooglenifty, a Banda das Crechas e as Tanxugueiras. 

SHOOGLENIFTY

Shooglenifty formouse en 1990 por músicos das Highlands, da illa de Orkney e de Edinburgh. A súa idea era fusionar melodías tradicionais cos ritmos dunha chea de influencias contemporáneas. Eles están tan felices tocando nunha aldea das HIghlands como nun festival con ducias de miles de persoas. E dun ou doutro xeito, os Shoogles teñen levado a música escocesa por todo o mundo durante máis de 25 anos. 

Davide Salvado
Davide Salvado

Habituais de festivais de world musica de todo o mundo, en 2016 foron elixidos a mellor banda por parte da revista especializada Songlines. Co seu sétimo disco, ‘The Untied Knot’, Shooglenifty ten xirado por toda Europa e Oceanía. 

Logo do parón por mor do pasamento de Angus Grant, neste 2017 reagruparanse e están a rodar un documental sobre a banda e a influencia de Angus na música escociesa dos últimos 30 anos. Ademais, gravarán o seu oitavo álbum de estudio na India.

BANDA DAS CRECHAS

A Banda das Crechas é  unha selección artistas galegos que tocan nas foliadas da Casa das Crechas. As foliadas son festas abertas á bailar, cantar ou tocar e que teñen como esencia  ser unha ferramenta para a comunicación entre as persoas e entre os pobos. Na Banda existen tres xeracións de artistas que se foron incorporando ao longo dos 28 anos de vida da Casa das Crechas e das súas foliadas. 

O repertorio de cancións que toca a Banda das Crechas está composto  por  música de orixe tradicional galega e peninsular, cantada e instrumental, pero tamén aparecen temas de músicos doutros paises e doutras culturas que pasaron polas foliadas que deixaron a súa pegada na Banda ou na Casa das Crechas. É un repertorio pensado para divertir, para bailar e para mostar ao mundo a forza da enerxía creativa na música galega.

No ano 2010 A Banda das Crechas sacou o seu primeiro disco titulado ABDC. O disco foi gravado ao vivo na Casa das Crechas durante máis de tres horas nas se escolleron unha escolma de temas que mostra a variedade e a sonoridade desta Banda.

Teñen tocado en palcos por todo o mundo, como o Festival de Ortigueira ou o Celtic Connections. Entre os músicos da banda podemos atopar a Davide Salvado, Quim Farinha, Santi Cribeiro ou Xan Pampín, entre outros. 

TANXUGUEIRAS

Sabela Maneiro, Aida Tarrio e Olaia Maneiro son tres extrovertidas e orixinais voces procedentes de Teo e do Barbanza que en xaneiro de 2016 dan un paso máis no seu soño de amosar na escena musical galega todo o aprendido, recollido e herdado das nosas avoas, dándolle vida ao proxecto Tanxugueiras.

A simpatía, enerxía e forza de Tanxugueiras sobre o escenario non pasa desapercibida, e durante este tempo xa contan con colaboracións con artistas da talla de Xabier Díaz ou coa Banda das Crechas, confirmándoas como grandes promesas do trad feminino e demostrando que a música tradicional continúa a abrir novas fronteiras de son, escena e público.

O FEITO A MAN MÁIS LONGO

Polo Feito a Man deste ano, o máis longo e abondoso de todos os que se teñen celebrado, Por el pasarán máis de 70 propostas artísticas diferentes de diversos estilos musicais: pop, rock, blues, jazz, hip hop, música tradicional galega…

Como vén sendo habitual, o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato. Así, á parte de rúas como a Vía Sacra, a rúa da Orfas, a Praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio ou rúa Xelmírez; tamén haberá actuacións nas prazas de Mazarelos, San Martiño Pinario, Cervantes ou Quintana. 

DOUS CONCERTOS ESPECIAIS

Esta última dous concertos de maiores dimensións -e de pagamento-: o 20  de agosto un concerto dos escoceses Shooglenifty coa Banda das Crechas e as Tanxugueiras, que levará o nome de ‘Noite para Angus’, o violinista da banda escocesa que tanta relación tiña con Galicia; e o día 30, para fechar o festival, terá lugar o espectáculo ‘Camiñar sen fin. Concerto para Narf’, no que participarán ducias de artistas do mundo da música e das artes escénicas que farán un percorrido pola carreira de Fran Pérez, ‘Narf’. 

Nestes 28 días de programación continuada, con dous ou tres concertos diarios en diferentes puntos da cidade, poderemos ver concertos de moitos xéneros musicais e tamén de distintas procedencias. 

Tal e como é sinal de identidade desde o comezo da propia existencia deste festival, continuamos a promover a escena local cunha programación na que se prima o talento de proximidade. Así, poderemos escoitar bandas como Oh Ayatollah, Espiño, Som do Galpóm, Os d’Abaixo, Valentin Caamaño Trío, Trifasic, Zapa, Chocolate band, Mojo Experience, Pablo Sanmamed Trio, Alô Django, Garcia Mc, The Neighbour, Banda das Crechas, Grüvzilla, Leira Catro, The Show Bass, Puma Pumku, Noe Black ou Tres Pesos.

Alén disto, tamén poderemos ver bandas internacionais como Quique Escamilla (Canadá/México), Kyekyeku (Ghana), Kamankola (Cuba), DJ Najle (Colombia), Cygne (California, EEUU), Kaela Rowan Band (Escocia), Haema (Portugal), Michelle Alany and the Mystics (EEUU), Scratchy Sounds (Inglaterra), Mongrel State (Irlanda) ou Luiz Caracol (PT).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta