Ana Peleteiro, sétima do mundo

A ribeirense, finalista en Londres cun salto de 14,23 metros, novo récord galego e a mellor participación dunha atleta española no triplo salto na historia dos Campionatos do Mundo. "Hai moita Ana Peleteiro aquí dentro", dixo tras mancarse no cuarto salto.

Por gcdeportes | Compostela | 07/08/2017 | Actualizada ás 23:42

Comparte esta noticia

Finalista na súa primeira participación nun Mundial absoluto, récord galego, a mellor participación dunha española na proba de triplo salto na historia dos Campionatos do Mundo, a mellor marca española sub-23. Enorme a galega Ana Peleteiro, con tan só 21 anos, sétima no Mundial de Londres’2017 cun mellor salto de 14,23 metros, de novo mellor marca persoal para pechar unha espectacular campaña.

“Hai moita Ana Peleteiro aquí dentro”, dixo a ribeirense, exercendo de galega, a Teledeporte. E puido ser mellor, como recoñeceu a galega, que se mancou no cualto salto e non puido loitar por mellorar eses 14,23 metros. “Hoxe era o día para lograr un gran salto, pero xa haberá tempo no vindeiro Europeo ou no vindeiro Mundial”, aventurou sempre optimista a ribeirense, que dixo agardar que, co tempo, a de Londres sexa a súa peor participación nun Mundial.

Ana Peleteiro saltou 13,92 metros na primeira tentativa, fixo nulo na segunda e, necesitada de superar os 14,15 para estar na mellora, foise ata os 14,23 no terceiro salto. Nerviosa pola emoción, desequlibrouse no cuarto salto e mancouse na perna dereita, e xa non puido volver á pista. Co sétimo posto no seu primeiro Mundial absoluto ao aire libre, Ana Peleteiro puxo un brillante colofón a unha campaña de 10, na que mellorou a súa marca cun novo récord galego, foi prata no Europeo sub-23 e campioa de España.

“Foi unha tempada perfecta. Cheguei ata aquí, saltei aquí, fixen marca persoal… e agora o único que me interesa é recuperarme, saber que estou ben, e descansar para volver con máis forza en setembro”, apuntou tralo concurso.

A final do triplo salto no Mundial foi espectacular, coa venezolana Yulimar Rojas e a colombiana Caterine Ibargüen loitando ata o último salto polo ouro. Finalmente foi para Yulimar Rojas, que comparte adestrador, Iván Pedroso, con Ana Peleteiro en Guadalaxara, cun salto de 14,91. A prata foi para Ibargüen (14,89) e o bronce para Olga Rypakova (14,77).

Ana Peleteiro, nun salto da final de Londres.
Ana Peleteiro, nun salto da final de Londres. | Fonte: @iaaforg

Ana Peleteiro, sétima do mundo en Londres'2017.
Ana Peleteiro, sétima do mundo en Londres'2017. | Fonte: @iaaforg
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta