A xestión de incendios e paisaxes pode acelerar ou mitigar o impacto do cambio climático na biodiversidade

Un estudo liderado polo investigador galego Adrián Regos, da Universidade de Santiago, mostra que "as políticas de xestión do lume e dos usos do solo poden ofrecer unha oportunidade para mitigar o impacto climático nas comunidades biolóxicas".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/08/2017 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

A xestión actual e futura dos incendios forestais e das paisaxes pode acelerar ou mitigar o impacto do cambio climático na biodiversidade. Así o conclúe un estudo recentemente publicado na prestixiosa revista internacional Ecography. O traballo foi liderado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración con investigadores do CIBIO (Research Center in Biodiversity and Genetic Resources) de Portugal, da Estacion Biolóxica de Doñana, do Centro de Investigación Ecológica y Aplicaciones Forestales (CREAF) en Catalunya e da Universidade de Lausanne en Suíza.

Incendio en Soutomaior
Incendio en Soutomaior | Fonte: Diario de un Bombero ‏@BrifLaza.

O estudo, titulado 'Wildfire–vegetation dynamics affect predictions of climate change impact on bird', suxire que os actuais indicadores utilizados para avaliar o impacto do cambio climático sobre as comunidades biolóxicas poden verse fortemente afectados polos cambios nos usos do solo e o impacto dos incendios forestais.

O traballo amosa como os impactos causados polo abandono rural e os incendios forestais sobre os hábitats das especies poderían ter un efecto importante na resposta das comunidades das aves ao cambio climático. Polo tanto, resulta crucial para os investigadores considerar a dinámica das paisaxes causadas pola interacción do abandono rural e o lume á hora de predicir o impacto do cambio climático sobre as comunidades de aves a través destes indicadores, especialmente en ecosistemas dinámicos e propensos a sufrir incendios forestais.

"A combinación de abandono rural e condicións climáticas cada vez máis adversas está conducinnos a réximes de incendios cada vez mais severos. Neste contexto actual de cambio climático, o incremento na severidade dos incendios forestais pode ter un efecto mais negativo sobre a biodiversidade do que a priori cabería esperar", explica Adrián Regos, investigador principal neste estudo.

Porén, Regos salienta que "un incremento da eficiencia na prevención dos grandes incendios forestais podería axudar a mitigar este impacto negativo".

Do mesmo xeito, "a futura xestión das zonas agro-forestais pode ter fortes implicación na loita contra o cambio climático, (pode axudar a compensar os efectos do cambio climático nas comunidades biolóxicas), ofrecendo unha excelente oportunidade para abordar o cambio global de forma máis proactiva", engade Regos.

En definitiva, este estudo mostra como a xestión que se faga do lume e as súas implicacións sobre a paisaxe poder afectar as predicións do impacto do cambio climático sobre a diversidade, aves neste caso. "As políticas de xestión do lume e dos usos do solo poden ofrecer unha oportunidade para mitigar o impacto climático nas comunidades biolóxicas", conclúe o investigador.

Adrián Regos é investigador post-doc en Porto no CIBIO/InBIO, contratado pola USC. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta