Denuncian a “talla indiscriminada de árbores” na contorna do río Breiro

Verdegaia súmase ás críticas ás obras de Augas de Galicia na zona e cuestiona a súa legalidade.

Por Galicia Confidencial | Boiro | 06/08/2017 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

Un “grave atentado medioambiental”. Así cualificou Boiro Novo as obras para a colocación dun colector da rede de saneamento nas proximidades do río Breiro, en Boiro, onde se está a producir unha “talla indiscriminada de árbores”. A esta denuncia súmase agora a organización ecoloxista Verdegaia, que cuestiona a legalidade desta actuación.

Talla de árbores na contorna do río Breiro, en Boiro.
Talla de árbores na contorna do río Breiro, en Boiro.

Nas últimas semanas, Augas de Galicia vén levando a cabo obras para a mellora do colector do río Breiro, así como eliminación de pluviais na contorna. Co pretexto desas melloras, produciuse unha "talla indiscriminada da vexetación de ribeira, composta por especies autóctonas como freixos, carballos, ameneiros e loureiros", lembran dende Verdegaia.

Desde Verdegaia pregúntanse se á hora de planificar esta obra se tivo en conta a lei 5/2006, de protección, conservación e mellora dos ríos galegos. Nela declárase prioridade de interese xeral en Galicia a conservación do patrimonio natural fluvial, que inclúe tamén a flora, e establécese a “obriga das administracións públicas galegas de garantir a protección, conservación e mellora” da biodiversidade da flora dos ríos galegos.

Ademais, a normativa do Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa especifica, no seu artigo 43, que “a vexetación resultante despois dunha corta debe quedar conectada funcionalmente co leito, é dicir, debe manter as funcións de acompañamento como refuxio para a fauna e flora da zona, hábitat axeitado ás especies piscícolas, alimentación, refuxio, sombra, etc. de especies asociadas ao ecosistema fluvial.”

Para Verdegaia "resulta abraiante que desde a propia Administración, e máis desde un organismo como Augas de Galicia, adscrito á Consellería de Medio Ambiente, e cuxa preocupación debería ser velar polo cumprimento da lei e a protección dos ríos e os seus ecosistemas, se leven a cabo obras como esta, cun impacto ambiental tan claro e de dubidosa legalidade".

Os ecoloxistas lembran aos organismos causantes desta "desfeita" (Augas de Galicia e Concello de Boiro) a "grande importancia ecolóxica da vexetación de ribeira", que "ademais do seu enorme valor paisaxístico, asegura a estabilidade das beiras, supoñendo así unha protección ante posibles chuvias torrenciais, regula o crecemento de macrófitas, e actúa como filtro fronte a entrada de sedimentos na canle do río." Ademais, trátase dun "hábitat ideal para gran número de especies animais, e supón unha fonte de alimento para elas".

A destrución desta vexetación terá, polo tanto, "consecuencias non só para a flora, senón tamén para a fauna e para todo o ecosistema fluvial", advirten dende Verdegaia.

"Á hora de rexenerar un espazo, sería de esperar que a administración o fixese aténdose á legalidade vixente e seguindo uns criterios de protección ambiental, avaliando os posibles impactos sobre a fauna e a flora. Desde Verdegaia instamos a que se tomen as medidas necesarias para que na medida do posible se restitúa a zona ao seu estado orixinal, garantindo así unha protección efectiva, que é perfectamente compatible co aproveitamento do río para actividades de lecer", esixen os ecoloxistas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta