De cando un xaponés, americano ou ruso aprenden galego

Este martes pecháronse os XXX Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, que concluíu cun concerto commemorativo con temas galegos a cargo de dúas intérpretes xaponesas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/07/2017 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

Máis de 2.600 persoas aprenderon galego grazas aos cursos de lingua e cultura galegas que se celebran durante o mes de xullo desde o verán de 1988. Un feito que ten contribuído á internacionalización do noso idioma.

A Real Academia Galega organiza coa colaboración do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela estes cursos, que contan co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña. O reitor da USC, Juan Viaño, recordou os momentos da posta en marcha desta iniciativa, no ano 1988, cando os seus promotores foron auténticos “pioneiros e pioneiras, visionarios e visionarias, da importancia que para a nosa lingua ten o feito de estar presente en espazos internacionais de docencia e investigación”.

Estudantes de galego nos cursos de verán organizados polo ILGA e a RAG
Estudantes de galego nos cursos de verán organizados polo ILGA e a RAG | Fonte: xunta.gal

Salientou ademais o “grande éxito” do programa, “tanto pola súa demanda, que supera con amplitude as posibilidades da oferta, como pola diversidade de perfís humanos que atrae, persoas chegadas de lugares máis ou menos afastados de nós en canto á distancia e porén próximas á nosa paisaxe humana e afectiva”.

O codirector dos cursos e membro de número da RAG Xosé Luís Regueira foi un dos profesores daquela primeira edición de 1988. Tres décadas despois, pode dicir que foi unha das súas “mellores experiencias como docente” polo propio perfil do alumnado que sempre atrae. “Xa é un tópico dicir que sodes os nosos mellores embaixadores, pero sodes algo máis importante, os nosos amigos e amigas, unha familia arredor da nosa lingua. Levades convosco un cachiño de Galicia, un fragmento de parte, talvez, do mellor que temos, a nosa lingua e a nosa cultura”, expresou o profesor Regueira, quen agradeceu o traballo de todo o profesorado, conferenciantes e todo o persoal das institucións que colaboraron na celebración desta edición.

Clausura dos XXX cursos

Un agradecemento que fixo, precisamente, este luns durante a clausura dos XXX Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”. O acto concluíu coa entrega de diplomas aos oitenta estudantes procedentes de Alemaña, Austria, Brasil, Reino Unido, Canadá, República Checa, Chile, Croacia, Cuba, Estados Unidos, Hungría, India, Italia, México, Polonia, Romanía, Portugal, Ucraína, Xapón e doutras autonomías do Estado español.

Previamente, a soprano Miho Haga e a pianista Yukiko Yamagami interpretaron varios poemas musicados de Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas e Antonio Noriega Valera e “Carros de Galicia”, do compositor Federic Monpou. Takekazu Asaka, profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku e tradutor de diversos escritores galegos ao xaponés, foi o encargado de presentar o concerto. O profesor Asaka, alumno da terceira edición dos Cursos de lingua e cultura galegas, organiza desde hai anos en Toquio e en cidades próximas un ciclo de música e poesía galegas para celebrar o Día das Letras Galegas no que se poden escoitar concertos coma este.

"Sodes galegos"

“Hai quen ve as linguas e o patrimonio cultural como algo que hai que conservar como nos museos, pensando no que perdemos, pero hai outra maneira de pensar: que as linguas son proxectos de futuro, que se transforman e se enriquecen, e que temos que construír todos os días. Os galegos e os que, coma vós, sodes galegos porque queredes, e iso é impagable”. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, dedicoulles hoxe estas palabras ao alumnado deste curso na clausura da trixésima edición, celebrada no Paraninfo da USC.

“O máis bonito destes cursos é a volta. Marchades e sentímonos como o pai e a nai que teñen saudade dos fillos que marchan, pero que tamén senten alegría de saber que axudarán a construír o mundo desde o que nós lles transmitimos. Unha parte de nós vaise polo mundo e volverá, porque estamos convencidos de que ides volver a nós. Levades un anaquiño de nós convosco e queda outro de vós aquí”, expresou con afecto o presidente da Academia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta