E pur se muove

Animábame fai poucos días un coñecido xornalista galego, a publicar a miña opinión sobre o estado actual diso do que tanto se fala, e tan pouco se coñece, nomeado co termo “galeguismo”.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 17/08/2010

Comparte esta noticia

Un as veces ten a sensación de que os galeguistas, por erros básicos de formulación, están –estamos- permanentemente empurrando a rocha cara a cima dun outeiro sen cima visible. Os actuais partidos políticos do abano parlamentario galego, asumen como súas unhas teses galeguistas, que en xeral non deixan de ser máis que proclamas efectistas de curto recorrido real. O PPdeG da “era Fraga”, foi sen dúbida unha formación na que a convivencia de rexionalistas, populistas e galeguistas, converteuse nunha fórmula perfecta que permitiu a unha inxente masa de persoas con sentimento galeguista do chamado centro dereita, sentirse cómodos votando unha opción política entroncada nunha formación de ámbito estatal de concepción transversal. Sen dúbida esa bolsa demográfica de corazóns galeguistas foi a que marcou as diferencias á hora de dar sólidas e solventes maiorías absolutas á formación conservadora. Nesta nova era dos populares, o certo é que rechían afirmacións sobre o seu “galeguismo cordial”, con medidas como o decreto do galego, ou a propia escasa querencia a negociar un novo Estatuto de autonomía que nos poña en pé de igualdade cos pobos máis desenvolvidos de España. Sen embargo, como creo coñecer á militancia dos populares, albergo aínda un forte sentimento de esperanza, de que os seus dirixentes recúen un vieiro andado que aventura moitas pedras de dificultade futura nel.

O galeguista de centro dereita de agora, non aspira a quimeras independentistas, nin posúe veleidades insolidarias co conxunto do Estado do que se sabe parte. É consciente da existencia dun oco que o condena a unha orfandade ideolóxica, por sentirse decepcionado coas novas políticas que dominan no que antes consideraba a súa casa común. O problema para a existencia dun lugar no que as distintas conciencias galeguistas poidan converxer, é a comodidade dos que falan polas costas e non actúan por diante, ademais da falla absoluta de compromiso dunha burguesía galega, a anos luz en canto a concepción de país, da vasca ou a propia catalana.

Nos novos movementos galeguistas, os seus líderes comenten o constante erro de pensar permanentemente no “eu”, cando tiñan que facelo no “nós”. Os egos dos que miran o seu interese, á marxe dos que pensamos que o único importante é Galicia, son armas de destrucción masiva de esperanzas de futuro político. Se os grepúsculos galeguistas dispersados en formacións perdidas en anonimatos, non teñen a humildade de ceder por mor da obsesión dos seus dirixentes, para facer unha fronte común que poida ofertar á sociedade o que esta semella empezar a demandar, non lles quedará máis remedio que admitir, que ao mellor non están preparados para comandar un proxecto no que no fondo non creen.

O ideal, máis alá do romántico, que significa o termo galeguismo no que creo, está lonxe de romarías e actos populistas. Susténtase na reafirmación da Galicia diferenciada do resto dos pobos do Estado, que asume a súa autoidentificación como piar básico dun futuro, no que non teñen cabida os medos a “waterlloos” persoais, dende o convencemento absoluto de que o que importa é un proxecto común que ofrecer á unha sociedade necesitada de el. O resto é perder o tempo negando a existencia dunha realidade, porque a pesares de todo, e parafraseando a Galileo, no mundo do galeguismo a algúns os dan por finiquitados, mais “sen embargo se move...”

Ou non? 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rafael Cuiña Aparicio Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.