Arqueólogos atopan tumbas medievais no castro de San Lourenzo, na Pobra do Brollón

Serían os restos funerarios máis antigos da Terra de Lemos desde o achado nos anos 40 das 'Momias de Proendos' en Sober.

Por Galicia Confidencial | Pobra do Brollón | 14/07/2017 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

O equipo arqueolóxico atopou tumbas medievais datables no século XII no marco do proxecto de escavación do castro mineiro romano de San Lourenzo, na localidade lucense da Pobra do Brollón.

Tumba atopada no Castro de San Lourenzo, na Pobra do Brollón
Tumba atopada no Castro de San Lourenzo, na Pobra do Brollón

 

Na campaña do ano pasado escavouse unha antiga capela ocupada probablemente desde o século XI ata o XIX, segundo precisaron desde a propia plataforma do Castro de San Lourenzo.

Este ano escaváronse algunhas zonas da capela que permaneceran intactas, e foi deste xeito como apareceron dúas tumbas no interior dunha edificación anexa e unha terceira no exterior do edificio.

Cando menos, indicou a plataforma do Castro de San Lourenzo, unha das tumbas é do tipo coñecido como "de orelleiras" por presentar senllas pedras situadas a ambos os dous lados da parte da cabeza para mantela ergueita.

"O cristianismo cre na resurrección, de aí as orelleiras, para que cando esta se producira a cabeza do defunto estivese orientada ao altar", explicou Xurxo Ayán, director do proxecto.

TUMBA DE MARÍA CASTAÑA

Nun dos enterramentos apareceron, ademais, dúas contas de colar, o que fai pensar aos arqueólogos, continuou, que se trata dunha muller. Por iso, xa alcumaron esta tumba como a 'Tumba de María Castaña', veciña ilustre da parroquia de Cereixa.

Segundo Ayán, o achado é de suma importancia porque "reforza a idea de que o edificio fose a antiga igrexa parroquial de Cereixa e non simplemente unha capela rural". "(Isto) era unha das hipóteses de partida do noso equipo", sinalou.

Trátase, proseguiu, de "un espazo sacro de longa duración, ocupada entre os séculos XI e XIX, que parece estar vinculada á antiga ruta xacobea do Camiño de Inverno".

SÉCULO XII

Pola tipoloxía das propias tumbas, o equipo data o achado en torno ao século XII, aínda que non descarta que puidesen ser máis antigas. Para tratar de datalas vanse a facer unhas analíticas de Carbono 14 dos carbonos atopados, así como análises de cerámicas a cargo do Incipit-CSIC e a Universidade do País Vasco.

As tumbas de San Lourenzo serían os restos funerarios máis antigos da Terra de Lemos desde o achado nos anos 40 das 'Momias de Proendos' en Sober, datadas tamén en época medieval.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta