Investigadores de Vigo e Ecuador crean unha aplicación que estimula a interacción social dos anciáns

O centro AtlantTIC da Universidade de Vigo colaborou coa Universidad Politécnica Salesiana ecuatoriana no desenvolvemento dunha ferramenta 'intelixente' para os máis maiores que recomenda eventos aos usuarios e a formación de grupos para acudir xuntos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/08/2017 | Actualizada ás 12:09

Comparte esta noticia

Investigadores da Universidad Politécnica Salesiana de Cuenca (Ecuador) e do centro de investigación en tecnoloxías da Información e a comunicación AtlantTIC da Universidade de Vigo veñen de presentar unha aplicación intelixente para fomentar a interacción social entre persoas maiores. A aplicación é parte da plataforma SAFER (Smart Assistance platform For EldeRly care), enfocada a satisfacer as necesidades desta parte da poboación e que está a ser desenvolvida polo Grupo de Investigación de Telecomunicacións e Telemática da universidade ecuatoriana.

Proceso da aplicación desenvolvida por investigadores galegos e ecuatorianos para fomentar a interacción entre persoas maiores
Proceso da aplicación desenvolvida por investigadores galegos e ecuatorianos para fomentar a interacción entre persoas maiores | Fonte: J. O. Ordoñez-Ordoñez, J. F. Bravo-Torres, O. D. Sari-Villa, E. F. Ordoñez-Morales, M. López-Nores and Y. Blanco-Fernández, 'Stimulating social interaction among elderly people through sporadic social networks,' 2017 International Caribbean Conference on Devices, Circuits and Systems (ICCDCS), Cozumel, 2017, pp. 97-100.

A aplicación desenvolvida almacena e relaciona nunha base de datos os perfís dos anciáns e os tipos de eventos da súa preferencia. Mediante unha procura na Web dos eventos que se celebrarán na cidade realízase unha comparación baseada no contido e, se as características deste evento coinciden coas preferidas da persoa, o evento recoméndase ao usuario indicándolle lugar, data e hora. 

Ademais, o sistema recomenda a formación de grupos sociais formados por anciáns con preferencias similares para facilitarlles o contacto entre eles e que poidan asistir xuntos aos eventos seleccionados.

A ferramenta foi xa aplicada e mostrou, segundo os seus autores, unha satisfacción nos usuarios e unha taxa do 64% de asistencia aos eventos recomendados.

A intención é fomentar a interacción social entre os máis maiores promovendo actividades recreativas e culturais, dependendo do perfil do usuario. Máis detalladamente, búscase integrar ás persoas maiores nas actividades culturais e sociais que se desenvolven nas súas localidades e estimular a súa socialización mediante a formación de grupos esporádicos de persoas con intereses comúns e que, durante a duración dos eventos, poidan compartir momentos agradables e acompañarse os uns aos outros.

Maiores
Maiores | Fonte: Ministerio de Emprego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta