Temas: CORRUPCIóN

Subornar a un cargo da Xunta sae por 1.000€ de multa e un ano de prisión, en suspenso

O último dos imputados na 'Operación Retablo', o propietario da empresa de restauración Da Vinci, aceptou un ano de cárcere e unha multa de 1.000 euros por un delito de suborno ao realizar obras para un alto cargo da Xunta a cambio da adxudicación de diferentes traballos de restauración.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2017 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, celebrou este venres unha vista por esta causa derivada da 'Operación Retablo', na que as partes formalizaron o acordo, logo de que o condenado, M.M., non comparecese no anterior sinalamento, que tivo lugar a mediados do pasado mes de maio.

Vista en Santiago pola 'Operación Retablo'
Vista en Santiago pola 'Operación Retablo'

Por iso, este empresario foi declarado en rebeldía, aínda que este venres xustificou que a súa ausencia foi debida a un fallo na dirección á que foi remitida a carta de citación para comparecer na vista do 16 de maio.

NON ENTRARÁ NO CÁRCERE

Así, as partes acordaron impor a M.M. unha pena dun ano de cárcere e 1.000 euros de multa, así como a asumir unha sexta parte das costas do proceso, compartidas xunto cos outros acusados no coñecido como 'Caso Retablo'. O condenado poderá eludir a pena privativa de liberdade se abona as cantidades da sanción e non comete ningún outro delito durante o tempo que dure a pena.

Esta persoa e outros tres empresarios aceptaron realizar pequenas obras para o líder da trama --con identidade C.G.G. e que durante os anos 2003 e 2009 ocupou un alto cargo na Consellería de Cultura da Xunta-- a cambio de que lles fosen adxudicados determinados traballos de restauración.

A Fiscalía considera que os responsables das entidades implicadas contactaron con C.G.G. para "adecuar os seus proxectos ás condicións que el establecese". "Como contrapartida á adxudicación, asumiron o pago dunhas cantidades e outros favores que abonarían en efectivo" ao principal acusado, sinala a Fiscalía.

Entre outras, realizaron obras nas Clarisas de Tui, San Martiño da Gudiña, o Mosteiro de San Clodio de Leiro, Santa María a Real de Entrimo, San Salvador de Celanova, Santiago de Coedo de Allariz, Santo André de Cedeira en Redondela ou Santa María de Castro de Cima de Riós.

'OPERACIÓN RETABLO'

O empregado público aceptou unha condena de dous anos de cárcere, a inhabilitación por seis anos para o exercicio de emprego ou cargo público, así como unha multa de 2.190 euros e o embargo doutros 103.350 euros por un delito de suborno na restauración de bens da Igrexa en Galicia.

Deste xeito, C.G.G. era o encargado de informar os proxectos de restauración de inmobles eclesiásticos para que se adecuasen ás técnicas de restauración e fosen realizados por profesionais cualificados.

Por iso, conforme explica a Fiscalía no seu escrito de acusación, coñecía as funcións relativas á restauración e tamén o funcionamento dos procesos de adxudicación das axudas públicas. "Isto permitiulle iniciar unha práctica de imposición de proxectos de restauración a determinadas empresas en detrimento de as restantes", sinala.

Deste xeito, o Ministerio público explicou que "reconducía" aos interesados nos proxectos de restauración ás empresas da súa preferencia". "Como contrapartida", a Fiscalía considera que C.G.G. recibía diñeiro en efectivo ou ben labores que non remuneraba por parte das empresas que executaban as restauracións".

Ademais, o xuíz tamén considerou probado que este principal acusado adquiriu do Bispado de Tui unha casa reitoral en Paraños, en Covelo, nunhas condicións económicas "moi vantaxosas" grazas á "prestación de favores nos procedementos de restauración adxudicados". Así, adquiriu a casa por 60.000 euros a pagar en dez anos, inmoble que acabaría ofrecendo para a súa venda por un prezo de 680.000.

ARQUITECTO DA S.A. XACOBEO

A maiores deste extécnico e dos empresarios, no proceso tamén foi condenado un arquitecto da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, con identidade J.M.P.P., quen aceptou unha multa de algo máis de 700 euros --seis euros ao día durante catro meses-- por outro delito de suborno.

En concreto, o Ministerio Público acusáballe de iniciar unha relación con C.G.G. a través da que este arquitecto propuña obras de restauración a financiar polo Xacobeo. Deste xeito, informaba a esta entidade en sentido favorable para que abonase cantidades para proxectos de restauración que foran informados por C.G.G.

"A finalidade común de ambos era a obtención de beneficios económicos que lles serían facilitados polas empresas adxudicatarias dos labores de restauración", sinala a Fiscalía. Ademais, o xuíz considerou probado que, a través desta forma incrementou o seu patrimonio e chegou a recibir beneficios en especies, como unha caca dun valor "incerto" e "superior aos 1.000 euros".

Temas: CORRUPCIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 depende de que depende...

imaxino que a multa dependerá da categoría do cargo, si e o presidente, o mellor soamente e un pago simbolico dun euro (en plan banco da farandula do popular pastor, decían que ia todo moi ben e que "ia subir" pero despois resultou ser todo un pufo que nin irmaos do limón limonsbrothers) ...