A maioría dos adolescentes galegos que usan moito Internet viviu experiencias de risco

Investigadores das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Harvard presentan os resultados do maior estudo feito no Estado español sobre patróns de comportamento en Internet de adolescentes e o papel que exercen os pais. A investigación fíxose sobre unha mostra de case 40.000 estudantes galegos de Secundaria.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 05/07/2017 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

A maioría dos adolescentes galegos que usan frecuentemente Internet involucráronse en experiencias de risco en liña. Así o demostra a maior investigación feita até o de agora no Estado español sobre mocidade e uso da Rede. O estudo —realizado por investigadores das universidades galegas de Santiago de Compostela e Vigo e da Universidade de Harvard e do Boston Children's Hospital— revela que os grupos de usuarios cunha actividade máis intensa teñen as maiores taxas de risco en liña e de uso problemático da Internet. Estes mozos son, ademais, os que teñen menos control dos seus pais á hora de acceder á Rede.

Navegando por Internet
Navegando por Internet | Fonte: Universidade de Navarra - Flickr.

Este estudo fíxose mediante enquisa anónima en liña a 39.993 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (de 12 a 17 anos) de 255 centros de educación en Galicia, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Planificación Universitaria. O 75.2% dos enquisados estudaban en escolas públicas, o 54,8% estaban en educación secundaria inferior (1° ou 2° ano) e o 24,2% vivía en zonas rurais, 44,0% en zonas semi-rurais e o 31,8% en zonas urbanas. 

GRUPOS

Os investigadores puideron identificar cinco grupos diferentes: usuarios ocasionais (21,4%), usuarios moderados con control parental (22,2%), usuarios moderados sen control parental (22,1%), usuarios habituais con conflitos entre pais e fillos (16,8%) e usuarios intensivos (17,5% ). Os grupos cun uso máis intenso de Internet tiveron as maiores taxas de risco en liña (>60%) e de uso problemático (>25%).

O grupo de usuarios ocasionais está composto na súa maioría por mozos e mozas que asisten a escolas públicas en áreas rurais. Estes mostran a participación máis baixa na Internet, con taxas baixas de comportamentos de risco en liña e uso problemático.

Mozo navegando na Internet cunha tableta
Mozo navegando na Internet cunha tableta

Os grupos 2 e 3, é dicir, os que mostran un uso moderado similar, mostraron perfís de sexo e de control parental opostos, coas nenas maioritarias no grupo 2 con control parental universal e os nenos, no grupo 3, sen control parental. Ademais, os membros do grupo de usarios moderados con control parental eran lixeiramente máis novos e reportaron menos comportamentos de risco en liña, mentres que o grupo de usuarios moderados sen control parental tivo taxas máis altas no que se refire a comportamentos de risco, especialmente ao entrar en sitios web eróticos e de apostas de cartos en liña. Ambos os grupos tiveron taxas relativamente máis baixas de uso problemático.

Por último, os grupos 4 e 5 eran na súa maioría os adolescentes máis maiores, tiñan os niveis máis altos de uso da Rede e as taxas máis altas de uso problemático e riscos en liña. O grupo 4 —usuarios habituais con conflitos entre pais e fillos— tivo a taxa máis alta de uso problemático de Internet, cun 43% dos enquisados en puntuacións positivas para esta variable, e caracterizouse polo conflito entre pais e fillos sobre o uso da Rede. Pola contra, o grupo 5 —usuarios intensivos— mostrouse pouco control parental sobre o uso da Internet e tiña a maior taxa de visitas a sitios web eróticos e de apostas.

A participación dos pais pareceu ser máis intensa a idades máis temperás e maior para con as nenas. Os grupos máis novos tiveron as taxas máis baixas de uso intensivo da internet, uso problemático e riscos en liña, e pouco conflito entre pais e fillos sobre o seu uso. 

PREVENCIÓN

Os comportamentos de maior risco e o uso problemático da Rede son máis altos entre os adolescentes sen control parental no acceso, polo que os investigadores animan aos pais a moderar o uso da Internet dos seus fillos.

Os resultados do estudo poñen de relevo para os seus autores a necesidade de "apoiar aos pais, as escolas e os responsables políticos na prevención como unha responsabilidade compartida". Ademais, indican a necesidade de "educar aos pais sobre os riscos potenciais asociados cunha maior exposición a Internet para os seus fillos adolescentes e de dotar aos pais de información e habilidades para moderar o uso da internet dos seus fillos, así como intervir eficazmente cando se desenvolven problemas", xustifican os responsables do informe, que aconsellan que "os pais que aínda non están en liña deben ser alentados a familiarizarse con Internet, de maneira que poidan guiar adecuadamente o uso seguro da Internet para os seus fillos".

"Estes achados corroboran os resultados de estudos previos menores que mostraron que unha maior participación na Internet está asociada cunha maior interferencia nas actividades da vida diaria, un maior compromiso en comportamentos problemáticos en liña tales como xogos de azar e acoso e unha maior exposición a experiencias en-liña daniñas como ser ameazado ou chantaxeado", expoñen os autores. Con todo, os investigadores de Santiago, Vigo e Boston salientan que o seu estudo "foi único en proporcionar unha visión da variación nas interaccións entre pais e adolescentes ao redor dos patróns de uso da Internet para adolescentes".

AUTORES

O estudo está asinado por Patricia Gómez, Carmen Barreiro e Antonio Rial, da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago; Sion Kim Harris, do Center for Adolescent Substance Abuse Research, do Boston Children’s Hospital, Boston e da Harvard Medical School, e Manuel Isorna, da Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade de Vigo.

O traballo publícase na revista Computers in Human Behavior (Volume 75, outubro 2017, páxinas 826–833), co título 'Profiles of Internet use and parental involvement, and rates of online risks and problematic Internet use among Spanish adolescents'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Juanjo

Estoy totalmente de acuerdo con este artículo, es algo que se debería prevenir. Desde que se abusa de internet y todo lo que le rodea, estamos ante un problema. El número cada vez es mayor y va en aumento, es la triste realidad.