O Colexio de Xornalistas chama a tratar con especial coidado as informacións sobre persoas sen fogar

Esta entidade critica unha nova de El Correo Gallego por cualificar como “estado lamentable” a unha persoa sen fogar.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/06/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia fai un chamamento a tratar con especial responsabilidade as informacións sobre persoas sen fogar, a raíz dunha denuncia referente a unha nova publicada o pasado 4 de xuño en El Correo Gallego sobre a situación dun membro deste colectivo en Santiago de Compostela. Unhas críticas que se suman ás do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) .

Antiga sede de El Correo Gallego na céntrica rúa Preguntoiro de Santiago / paxinasamarelas.com Antiga sede de El Correo Gallego na céntrica rúa Preguntoiro de Santiago / paxinasamarelas.com
Antiga sede de El Correo Gallego na céntrica rúa Preguntoiro de Santiago / paxinasamarelas.com Antiga sede de El Correo Gallego na céntrica rúa Preguntoiro de Santiago / paxinasamarelas.com

“Semella evidente que facer noticia dunha situación que o propio titular cualifica como "estado lamentable" dunha persoa non só significa un exceso do que debe ser considerado noticioso, senón tamén unha intromisión na intimidade e o dereito á honra”, apunta nun comunicado. Neste sentido, cómpre lembrar que o artigo 9 do Código Deontolóxico do Xornalismo Galego estabelece a necesidade de "respectar o dereito das persoas á súa propia intimidade e imaxe, especialmente en casos ou acontecementos que xeren situacións de aflición ou dor, evitando a intromisión gratuíta". 

Por iso, destaca que o ataque á intimidade desta persoa “é aínda máis grave ao publicárense na nova a súa fotografía, o seu nome completo e datos relativos á súa vida privada”. Neste caso, ademais, o CPXG di que,  aos incumprimentos ao código deontolóxico, súmase o feito de que afecte a unha persoa pertencente a un colectivo en situación vulnerábel, polo que é necesario ter un especial coidado para evitar a súa estigmatización. 

“Cómpre lembrar que o Código Deontolóxico insta a actuar con especial responsabilidade e rigor no caso de informacións ou opinións con contidos que poidan suscitar discriminacións por razóns de sexo, raza, crenza ou extracción social e cultural [...] evitando expresións ou testemuños vexatorios ou lesivos para a condición persoal dos individuos e a súa integridade física e moral", lembra. “Unha responsabilidade e rigor que non se aprecia nin no fondo nin na redacción desta información”, engade.

Así, suliña que é fundamental que xornalistas e medios se comprometan na comunicación da realidade das persoas sen fogar, polo xeral descoñecida pola sociedade, e que eviten a trasmisión de estereotipos e estigmas que só contribúen á súa exclusión da sociedade. Neste sentido, o Colexio de Xornalistas fai un chamamento a toda a profesión galega a respectar con especial cautela o Código Deontolóxico nas informacións sobre este colectivo, así como a consultar e aplicar as recomendacións de colectivos como a European Anti Poverty Network ou a Xarxa d'Atenció a Persones Sense Llar de Barcelona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

está ben facer a crítica, pero tamén deberamos ter moi en conta que o colectivo de excluídos sociais está a ser INVISIBILIZADO en tódolos medios de comunicación, agás cando se trata da súa CRIMINALIZACIÓN. Polo tanto unha prensa libre debera dar protagonismo aos excluídos, especialmente cando a súa vida depende de que se coñeza a súa situación! En Vigo unha familia foi lanzada da súa vivenda de alugueiro por non pagar 450 €, e o alcalde segue tendo hai máis de 5 meses acampados diante do Concello aos que piden vivendas de aluger social e sin siquera os recibiu !!! Mentras o Faro de Vigo fala de Dinosetos e da campaña das Cíes...? https://flic.kr/p/ULcmVh A ver se tampouco imos EXISTIR !!!