Convocadas 10 prazas en lectorados de España, Irlanda, Alemaña, Portugal e Italia

As universidades de destino son a do Algarve, Estremadura, Granada, Complutense de Madrid e Padua e o prazo de solicitudes para elas estará aberto desde mañá ao 6 de xullo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/06/2017 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar, por medio de dúas ordes publicadas no Diario Oficial de Galicia, dez prazas de profesorado-lector de lingua, literatura e cultura galegas noutros tantas universidades integradas na Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia.

Estudantes universitarios nunha clase de galego
Estudantes universitarios nunha clase de galego | Fonte: blog.esl-idiomas.com

O Diario Oficial de Galicia publica este martes a ORDE do 2 de xuño de 2017 pola que se aproban as bases e se anuncia a convocatoria pública de cinco bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas (ED110A), que ten como centros de destino as universidades do Algarve, a de Estremadura, a de Granada, a Complutense de Madrid e a de Padua. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ao vindeiro 6 de xullo.

A esta convocatoria súmase a do pasado día 24, na que se publicaban as bases e se anuncia a convocatoria pública para cubrir cinco prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades a Autónoma de Barcelona, a de Cork, a de Deusto, a de Heidelberg e a de Miño. As persoas aspirantes a concorrer a elas, poden facelo xa ata o día 26 de xuño. Coas dúas convocatorias sinalas, o departamento dirixido por Valentín García renova 10 dos 27 centros que contan con profesorado-lector.

Titulacións requiridas para optar ás prazas

Entroutros requisitos, as persoas concorrentes a estas 10 prazas deben estar en posesión do título de Licenciatura en Filoloxía Galega ou en Filoloxía Románica sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego, grao en Lingua e Literatura Galegas, Grao en Estudos de Galego e Español ou Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios. Requírese tamén ter unha idade máxima de 35 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Ademais, ás prazas localizadas en Irlanda, Alemaña e Italia poderá presentarse tamén quen estea en posesión da Licenciatura en Tradución e interpretación sempre que acredite 27 créditos en materias de galego e 21 en materias de inglés ou ben da lingua oficial do país onde se localice o lectorado solicitado. Tamén poderán concorrer os graduados universitarios en Tradución e Interpretación, pero neste caso deberán acreditar 30 créditos de materias de galego e 21 en materias de inglés ou da lingua oficial do país de destino.

As persoas aspirantes terán que defender no mes de xullo, diante da comisión técnica de valoración constituída ao efecto, o proxecto didáctico que propoña aplicar no lectorado de destino, tal e como establecen as bases e os requisitos de participación das dúas convocatorias que xa se poden consultar no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal).

Proxección exterior do galego

Na actualidade, o galego é obxecto de estudo en 35 universidades. 27 delas contan con lectores asentados en departamentos coñecidos como Centro de Estudos Galegos, que imparten materias de lingua galega adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade (gramática histórica, cursos de conversa, cursos de lingua e civilización etc.). 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta