Quiroga, aceite "made in Galicia"

O vindeiro domingo 28 de maio o Concello de Quiroga celebra no muíño de Bendilló unha nova edición da Mostra de Aceite na que exalta este produto autóctono.

Por GC Tendencias | Quiroga | 26/05/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Trátase de recuperar na memoria a elaboración tradicional do aceite no Val de Quiroga, elaboración que vén relacionada co paso dos romanos por estas terras. As oliveiras que se conservan, moitas delas recuperadas nestes últimos anos, son milenarias e caracterízanse pola súa altura,  a súa floración lenta e a resistencia ás enfermidades e inclemencias climatolóxicas. O cultivo da oliveira foi orixinariamente para uso doméstico pois o aceite completaba a alimentación familiar e incluso servía para curar doenzas como o mal de oído. Da importancia do aceite na historia da bisbarra dan fe pequenas mostras atopadas no refraneiro popular: “Ano xeadeiro, ano aceiteiro”, “O remedio da tía Mariquita que con aceite todo quita”, “Aceite e viño, bálsamo divino”, “Flor de Oliveira en abril, aceite para o candil”, “Augas por San Xoán, quitan viño, aceite e pan”.

Recinto Feiral
Recinto Feiral

A promoción e recuperación deste produto impulsouse dende o Concello de Quiroga coa celebración dende o ano 2.000 desta mostra do aceite autóctono no entorno dun muíño de aceite rehabilitado, no lugar coñecido como “as Farrapas” na aldea de Bendilló.  Está moi preto da N-120 e a poucos quilómetros do núcleo urbano de Quiroga. A carón do devandito muíño atópase a Capela de San Xoán das Farrapas.

A almazara consta de pía para moer, mazo para prensar e decantadora, baixo unha construción de lousa con cuberta a unha auga e totalmente restaurado no ano 1993. E aquí será onde o domingo 28 teña lugar a XVII Mostra do Aceite de Quiroga cunha demostración ou simulacro de muiñada tal e como se facía antigamente.

Aínda que hai xa iniciativas empresariais importantes na zona, esta mostra avalada e impulsada polo concello, está pensada para poñer en valor e dar saída ao aceite autóctono elaborado por colleiteiros do lugar que o producen de xeito artesanal. Falamos con Pedro Soto Losada, un dos cinco que presentan o seu aceite este ano.

-Cando empezou a recuperar o cultivo das oliveiras?

Demostración de moenda das olivas
Demostración de moenda das olivas

A plantar xa hai uns 20 anos pero a recuperar e aumentar en serio as plantacións hai uns 8 anos.

-Que variedades autóctonas se producen na zona?

Brava e mansa aínda que agora estase investigando diante da posibilidade de que haxa unhas 7 máis sen catalogar. O CSIC e a Asociación Juana de Vega andan estudando estas posibles variedades para poder descifralas e catalogalas.

-Cultiva outras variedades que non sexan autóctonas? Se é así, mestúranse para obter aceite?

Si, arbequina e picual. O normal é separalas pero no caso de mesturalas a picual é a que mellor casa, a que máis se parece ás variedades autóctonas.

-Como foi a colleita de olivas deste ano?

Moi frouxa comparada co ano pasado, saquei uns 250 litros de aceite. Case a metade de produción menos que no 2016.

-Que lle parece que se faga esta mostra e cantos anos hai que participa nela?

Paréceme ben, dáselle valor ao aceite da zona e os colleiteiros dámoslle saída ao excedente doméstico.

Pedro Soto é ademais socio da APAG (Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia), asociación que ten entre as súas finalidades principais o asesoramento e conseguir unha D.O.P. Aceite de Galicia.

En canto ao programa do evento dicir que a posta en funcionamento do Muíño de Bendilló para a demostración será ás 11.30 h. e a partir desa hora os visitantes poderán catar e mercar aceite de Quiroga pero tamén outros produtos típicos da zona ao tempo que gozan de diferentes actuacións no recinto da feira. Ás 11.45 h. actuará o Grupo Tradicional “Os Palletas”, ás 13.45 h. os grupos de danza e música tradicional  “San Martiño” e ás 14.30 h. o Grupo de Gaitas “O Recanto”.

Ás 12.00 h. terá lugar o acto protocolario da cata dos aceites participantes na mostra no interior da Capela das Farrapas e o evento ten o recoñecemento de Festa de Interese Turístico.

Muíño e Capela de San Xoan da Farrapa
Muíño e Capela de San Xoan da Farrapa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta