PuntoGal lanza un servizo de intercambio de arquivos

O xestor dos dominios galegos celebra o mes das Letras Galegas con dominios a menos de 17 euros máis IVE.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/05/2017 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

PuntoGal, o dominio galego en internet, celebra este ano o Día das Letras, dedicado a Carlos Casares, e o Día das Telecomunicacións e Internet coa posta en marcha dun servizo de intercambio de arquivos en colaboración co rexistrador galego Dinahosting.

Imaxe promocional da galega Dinahosting sobre o puntoGAL
Imaxe promocional da galega Dinahosting sobre o puntoGAL | Fonte: ortegalingua.blogspot.com

No enderezo velaqui.gal, os usuarios poderán compartir de maneira sinxela e segura ficheiros de ata 2Gb de maneira gratuíta. Na páxina só hai que indicar quen envía e quen recibe, unha mensaxe para o destinatario e adxuntar o documento.

O sistema permite compartir ficheiros en múltiples formatos así como a subida de maneira simultánea de moitos documentos na mesma solicitude. O usuario pode limitar o número de descargas vinculadas a cada envío, cifrar cada solititude por medio dun contrasinal para incrementar a privacidade e enviar o documento ata a un máximo de vinte enderezos de correo electrónico. As ligazóns remitidas caducarán ós quince días, agás que o remitente dispoña unha data anterior para que deixe de estar dispoñible. Trátase un servizo similar que ofrecen outras multinacionais como WeTranfer, pero desenvolvido e localizado en Galicia.

Velaquí.gal forma parte dun convenio establecido entre PuntoGal e Dinahosting para o

desenvolvemento de novos servizos de valor engadido para os usuarios da internet galega. O

produto forma parte da filosofía do dominio de apostar polo desenvolvemento, dentro das súas

posibilidades, de accións de dinamización e crecemento da rede no país.

Rebaixas

Por outra banda, PuntoGal fará unha rebaixa no prezo dos dominios rexistrados. Nos rexistradores sumados a esta promoción, as persoas interesadas poderán obter o seu .gal por un prezo máximo de 17euros máis IVE. Os prezos rebaixados estarán vixentes dende o día 17 e ata o 31 de maio. 

O rexistro, que cumpre agora tres anos dende a súa delegación, conta xa con máis de catro mil dominios rexistrados, entre os que figuran institucións, entidades sen ánimo de lucro, empresas e particulares. Para poder aproveitar a promoción, os interesados deben dirixirse ás empresas rexistradoras Dinahosting, Entorno Digital, Arsys, Host Europe, Openprovider e Ovh.com que ofrecen distintas políticas de prezos e servizos con rexistro de dominios novos dende 16,15€.

“Se ben a día de hoxe aínda non é posible igualar o prezo dun dominio .gal aos máis populares, a asociación fai esforzos coma esta promoción para que todas aquelas persoas e asociacións que queiran visibilizarse na rede como parte da comunidade galega, sigan a facelo”, apunta a entidade nun comunicado. A asociación amósase igualmente satisfeita de que as porcentaxes de renovación dos dominios sigan sendo moi altas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta