Por Galicia Confidencial | Ferrol | 11/05/2017 | Actualizada ás 09:20
Ferrol celebra este sábado a I Feira da Tecnoloxía de Ferrol, e que os seus promotores deron en chamar o Invasion Day. Trátase dun evento único e innovador que dará desta cidade todo un referente galego cun proxecto de novas tecnoloxías e robótica aplicado a educación.
Este evento vaise estirar ao longo deste sábado cunha unha serie de carpas espalladas polo centro que, a modo de naves extraterrestres, simularán unha invasión alieníxena. Estes extraterrestres, irán polas rúas da cidade en busca de novos adeptos para levar ás súas naves e compartir con todos os veciños os avances tecnolóxicos.
En cada nave expoñeranse diferentes ferramentas tecnolóxicas como Impresión 3D, Minecraft, Robótica, Programación de Videoxogos 3D e dispoñerase dun espazo no que os presentes poderán gozar das creacións dalgúns mozos inventores da comarca, carreiras de drons ou coñecer de primeira man a algúns destes invasores alieníxenas.
A feira, coorganizada pola ACC Ferrol A Madalena, a Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarcas, coa colaboración de Espazo Vivo e Trainnova e o apoio do Concello de Ferrol, foi presentado este mércores polo concelleiro de Promoción Económica, Álvaro Montes, e a xerente da asociación de empresarios de hostalería, Luisa Barro. O concelleiro destacou que é unha iniciativa “novedosa e pioneira” da que se agarda, dixo, que “chame moito a atención co obxectivo de encher Ferrol e dinamizar a hostalería e o pequeno comercio local, e mesmo a mostra dos traballos de novos inventores da comarca”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.