Por GC Tendencias | Mondoñedo | 28/04/2017 | Actualizada ás 15:02
Fin de semana longo para aproveitar, se se quere, e gozar do amplo e variado feixe de actividades que nos ofrecen estas festas, as máis coñecidas despois das San Lucas e que organiza cada ano a asociación cultural co mesmo nome.
Hoxe venres ás 20.30 h. no Auditorio “Pascual Veiga” será o pregón a cargo de Sara González García, veciña de Mondoñedo e elixida a mellor enxeñeira química xove de España pola Real Academia de Enxeñería. Un tanto para os organizadores que apostan cada ano por poñer en valor o talento local e darlle visibilidade e recoñecemento nas festas do lugar.
Para a fin de semana destacan o sábado a IV Ruta a cabalo “As Quendas 2017”, teatro e concerto de Hugo Torreiro que presenta o seu último disco “Vuelvo a las andadas” na Casa da Xuventude ás 21.00 h. Xa o domingo exhibición hípica con concurso de saltos na Granxa e o concerto do grupo A Roda no Auditorio Pascual Veiga ás 20.00 h.
E para o luns, 1 de maio, “vai haber traballo” para atender a todo. No plano gastronómico temos a Feira de Gando e mercado de produtos do campo galego, pasando pola XXXIV Festa da Empanada e a VI Edición de degustación de carne de poldro galego; no apartado musical, coplas satíricas con Trioliro Regueifeiros, grupos de gaitas e coro “Mestre Pacheco” e para os máis pequenos obradoiros de amasado de pan e monicreques. Pero non queda aí a cousa porque temos tamén o IV Mondoñedo é poesía.
Este certame chega á súa cuarta edición convocando, como en edicións anteriores, a uns vinte homes e mulleres, poetas e músicos, que recitarán e cantarán os seus poemas nas rúas, prazas e espazos culturais da cidade e poñerán colofón á xornada coa Gala no Auditorio “Pascual Veiga” ás 19.00 h.
Os pases poéticos terán lugar ás 17.30 h. na Praza do Concello, ás 18.00 h. na Praza da Catedral e ás 18.30 h. na Praza Jaime Cabot.
Os artistas convocados para esta edición son: Tamara Andrés, Marta Dacosta, Miriam Ferradáns, Antón Fortes, Modesto Fraga, Eva García González, Montse González, Antón de Guitián, Daniel Irimia Yáñez, Carmen Lage Fernández, Marina Oural Villapol, Xavier R. Baixeras, Manuel Rivas, Carmen Rodríguez Lage, África Sánchez, Paloma Suanzes, Trioliro Regueifeiros, Eva Veiga e Ana Vila Portomeñe.
Como en anos anteriores haberá un “tendal de poesía” con poemas elaborados polo alumnado do IES “San Rosendo” e do CEIP “Álvaro Cunqueiro” e este ano renderase unha homenaxe a Eduardo Lence-Santar co gallo de terse cumprido este mes o centenario do seu nomeamento como primeiro cronista oficial de Mondoñedo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.