Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/04/2017 | Actualizada ás 14:56
A agricultura ecolóxica en Galicia aumentou un 25,3% o seu volume de vendas certificadas en 2016 ata chegar aos 41,7 millóns de euros, nun ano no que se rexistraron 148 operadores máis (+18,6%), de forma que alcanza a cifra de 945 (751 produtores e 194 elaboradores). Diso informou en Santiago de Compostela o presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (Craega), José Antonio Fernández, e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, quen destacaron o avance en 8,3 millóns de euros en facturación respecto de 2015.
O sector do leite e derivados -queixos, iogures e manteiga- segue á cabeza de volume de negocio e é tamén dos que máis incrementa a súa facturación ata 13,2 millóns de euros (+32,5%).
Pola súa banda, a carne alcanza os 6,8 millóns de euros en vendas (+64,2%), de forma que se sitúa como o segundo produto con maior facturación certificada en ecolóxico, seguido das conservas de peixe (5,5 millóns e avance do 32,4%).
Os produtos de acuicultura son os que conseguen unha maior suba porcentual (do 68,7%) ata quedar en 1,3 millóns de euros. No outro extremo, as maiores caídas prodúcense nas conservas vexetais (-74,5%) e cereais (-50%), dous produtos con rexistros de vendas moi inferiores.
PRODUTORES E AUMENTO DUN 36,5% DA SUPERFICIE
Por provincias, o maior número de operadores atópanse en Lugo (393) e o menor en Ourense (134). En Pontevedra hai 228 e na Coruña 190.
A produción vexetal conta a cifra máis alta de operadores en Galicia (383), tras o que se atopa a produción animal (331), centrada no vacún de carne e leite.
Así mesmo, a superficie certificada de agricultura ecolóxica elevouse en 2016 un 36,5% e chega a 27.717 hectáreas. Por provincias, en Lugo hai 13.848, en Ourense (9.989), na Coruña (2.456) e en Pontevedra (1.423).
EXPORTACIÓNS E FUTURO
Una das particularidades da agricultura ecolóxica de Galicia é que a metade da súa produción se vende fóra de Galicia, tanto noutras autonomías como no estranxeiro.
Sobre esta cuestión fixo fincapé o presidente de Craega, José Antonio Fernández, quen cre necesario o fomento do consumo destes produtos por parte dos galegos, xa que son "moi beneficiosos para a saúde" e "respectuosos para o medio ambiente".
A continuación, chamou a atención sobre que esta é unha produción "con garantía de futuro", pois "moi poucas explotacións veñen abaixo" e prevé que "o crecemento vai ser continuo". Con todo, remarca que a produción en Galicia está moi lonxe das cifras doutros países.
Preguntado sobre o prezo máis elevado destes produtos respecto dos convencionais, o presidente de Craega reflexiona sobre que o modo de produción e os valores engadidos que achegan supoñen esta diferenza, pero considera que os prezos "van tender a igualarse" no futuro.
MÁIS DE 4 MILLÓNS DA XUNTA
Pola súa banda, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, -acompañada da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo- resaltou que a Xunta destinará 4,3 millóns de euros á agricultura ecolóxica nos próximos anos.
Segundo explicou, estes fondos forman parte do plan estratéxico para este sector produtivo e busca ampliar en 8.000 hectáreas ata o ano 2021, así como axudar a fixar poboación no rural.
Finalmente, a conselleira valorou o "impulso extraordinario" deste tipo de agricultura en 2016 en Galicia, que experimenta un "incremento constante e sostido".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.