Os galegos non se fían das compras online

7 de cada 10 prefiren comprar en tendas físicas. A posibilidade de poder probar, tocar e elixir os produtos é o principal factor diferenciador do comercio tradicional.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/04/2017 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

Os galegos seguen preferindo mercar nas tendas e non a través de Internet. Así se desprende dos datos do “Estudo sobre a experiencia de compra dos españois”, realizado por Tyco Retail Solutions, que apunta que 7 de cada 10 galegos prefiren comprar en tendas físicas antes que facelo en comercios en liña. 

Os galegos prefiren comprar físicamente en tendas e non a través de Internet
Os galegos prefiren comprar físicamente en tendas e non a través de Internet | Fonte: Axicom

Os produtos de alimentación (85%), o calzado (76%) e a roupa (67%) son os produtos mais populares para comprar en tenda. En cambio, a electrónica (33%) e os agasallos (68%), son os produtos que máis se adoitan comprar en liña.

O estudo analiza os aspectos que máis valoran os galegos á hora de ir de compras. Neste sentido, non é sorprendente que o que máis valoran dun comercio é que teña bos prezos e ofertas (74%). Respecto da atención dos dependentes, o 76% dos enquisados prefire que os dependentes se manteñan apartados, pero estean dispoñibles cando os necesiten. Por outra banda, o 68% recoñece moléstalle ter que saír do probador para buscar outra talla. O 62% déixase levar por un escaparate rechamante e orixinal.

Poder trocar os produtos: aspecto diferenciador do comercio tradicional

A maioría dos enquisados (91%) destaca que o principal motivo para comprar en tendas físicas é a posibilidade de poder probar, tocar e elixir os produtos. Curiosamente, só o 3% valora o trato persoal que ofrece o comercio tradicional. Respecto ao comercio en liña, o 59% dos enquisados destaca que é máis cómodo e rápido. Ademais, o 27% dos enquisados adoita mirar os produtos nas tendas tradicionais, aínda que finalmente faga a compra na páxina web.

Por outra banda, ao 50% dos galegos moléstalles que os produtos se atopen protexidos en vitrinas e non poida acceder a eles facilmente

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta