Temas: CóMIC IMAXE

A revolta dos animais

O novo traballo de Emma Ríos mestura ciencia ficción e fantasía sustentándose na engaiolante proposta visual de Hwei Lin.

Por Elipses e sombras - Eduardo Maroño | A Coruña | 29/03/2017 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Título: Mirror. The mountain

Capa do cómic Mirror. The montain de Enma Ríos
Capa do cómic Mirror. The montain de Enma Ríos

Ano: 2016

Emma Ríos irrompeu na escena galega da banda deseñada con A prueba de balas, unha caste de Hong-Kong-movie en viñetas que apareceu en 2001 en forma de fanzine e continuou en 2003 como volume autoeditado baixo o selo de Polaqia. Malia o seu comprensible amateurismo, aquelas páxinas revelaban xa a unha debuxante cargada de futuro, mais tamén a unha singular narradora que despregaba sen complexos o seu potente cargamento referencial. A reaparición de Ríos en 2009 e o seu posterior ascenso na industria norteamericana do cómic confirmouna inicialmente como debuxante, por máis que saibamos que a súa participación en títulos como Bella Muerte, escrito por Kelly Sue DeConnick, foi máis aló do estritamente artístico. Ríos non recuperaría a condición de autora completa ata I.D. (Astiberri, 2016), un relato sobre identidades en conflito que viu a luz no seo da revista Island, que ela mesma dirixiu co historietista norteamericano Brandon Graham. Simultaneamente, a autora galega lanzaría Mirror, unha miniserie de fantasía desenvolvida en colaboración con Hwei Lin, unha artista malaia que coñeceu en 2008 con ocasión dun programa de intercambio cultural entre Europa e Asia. 

Ambientada nun asteroide artificialmente adaptado para acoller vida humana, Mirror relata a difícil convivencia entre as dúas especies que a habitan, unha estirpe de criaturas híbridas (metade humanas, metade animais) e a colonia de magos científicos as crearon. O desexo dos primeiros de emancipárense da tutela humana e seren recoñecidos como suxeitos plenos levará a unha confrontación inevitable. Ríos e Lin sitúanse no ronsel de clásicos literarios como A illa do Doutor Moreau para reflexionar sobre os límites da humanidade, sobre aquilo que nos converte en humanos e tamén sobre o que pode unir (ou separar) a aqueles que non son exactamente iguais. A identidade, que xa centraba o relato precedente de Ríos, I.D., está tamén na cerna desta historia na que se adiviña ademais unha mensaxe sutilmente ecoloxista.

Mirror é un traballo ambicioso, construído a partir dunha estrutura complexa e cun ton cambiante. Ríos desbota o camiño fácil e asume riscos cunha historia que se desenvolve en liñas temporais distintas narradas en paralelo, de xeito que o lector coñece a progresión do conflito ao mesmo tempo que descobre as súas orixes. Non sempre consegue estar á altura das súas pretensións, habendo momentos nos que os saltos temporais e as disquisicións dos personaxes conducen a unha certa confusión. Mais as autoras non renuncian a explotar tamén o sentido de marabilla, situando o lector diante de paisaxes exuberantes, arquitecturas requintadas e personaxes visualmente fascinantes. Non se debe desprezar o pracer que pode proporcionar unha estética engaiolante, menos tratándose dun relato fantástico, e nese eido Lin revélase coma unha eficaz aliada para escrita de Ríos. As súas acuarelas aportan a dose necesaria de poesía, tinxindo o relato dun ritmo pausado e un aquel melancólico. A súa narrativa é imaxinativa e audaz, destacando tamén a forza icónica das súas portadas. Se o volume norteamericano que recompila o primeiro arco argumental da cabeceira ten algunha eiva é a de relegar ás últimas páxinas as cubertas dos cinco primeiros números da cabeceira, unha cadea de imaxes que dan testemuño da beleza formal e forza expresiva que pode acadar a debuxante malaia.

Esta primeira achega de Mirror deixa un escenario e un elenco de personaxes cheos de posibilidades que as autoras acaban de retomar. Hai poucas semanas aparecía en Estados Unidos o primeiro capítulo do segundo volume. A edición española deste primeiro volume chegará da man de Astiberri no segundo semestre do ano. 


Eduardo Maroño

Coruñés, do Barrio de Monte Alto, vai para dez anos que escribe sobre cómics en lugares diversos: no seu blog Un ollo de vidro, na páxina culturagalega.org, onde asina a columna Paisaxes de papel, no xornal Praza Pública, e tamén en Galicia Confidencial. Este será un espazo para falar de banda deseñada, as súas obras e os seus autores, de Galicia e do resto do universo.

Le máis artigos de Eduardo Maroño aquí.

 

Temas: CóMIC IMAXE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta