Non hai mellor cocido que o da androlla de Viana

Este domingo terá lugar a XLVII edición da Festa da Androlla de Viana, celebración gastronómica que exalta o embutido típico da zona e reúne a multitude de visitantes e participantes no desfile de fulións. Prevese servir até 2.400 xantares.

Por GC Tendencias | Viana do Bolo | 23/02/2017 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O fulión xa roxe e os boteiros andan a chimpos por Viana do Bolo, concello que se prepara estes días para multiplicar a súa poboación e a súa actividade económica co gallo do entroido. Segundo nos conta o alcalde, Secundino Fernández: “a poboación multiplícase estes días, os establecementos hostaleiros xa hai semanas que están cheos para esta fin de semana e toda esta afluencia trae consigo un forte impacto económico na hostalería, servizos e alimentación”.

Androlla
Androlla

Un dos eventos máis relevantes por traxectoria e por asistencia de xente ten lugar o “Domingo Gordo” (26 febreiro) día no que ten lugar o desfile dos diferentes fulións da comarca, os boteiros e as carrozas e o xantar de despois que este ano reunirá a uns 2.400 comensais. Segundo refire tamén o seu alcalde as entradas para a Festa da Androlla esgotáronse xa, en total vendéronse unhas 1.200 pero hai que sumar outros 1.100 comensais para os participantes no desfile, persoal da organización e convidados oficiais. Superáronse un ano máis as expectativas. 

No programa deste ano, entre outras cousas, destaca a visita do programa da Televisión de Galicia “A Tarde” o xoves de comadres (23 de febreiro) entre as 16.00 e as 19.00 horas que emitirá o programa en directo dende a Casa da Cultura e o “Entroido Infantil” (luns 27) no que haberá a partires das 16.30 h. Fulión infantil, xogos tradicionais, música e chocolotada para os máis cativos . Para rematar a xornada, ás 20.00 horas, Fulión trapalleiro.

O martes de entroido ademais de desfile de Fulións con sesión vermú na Praza Maior xa é tradición a “Gran Fariñada” a partir das 16.00 horas e a queima dos lardeiros (lardeiro e lardeira) previa ao concurso de  disfraces e baile fin de festa. O mércores rematan as celebracións pola tarde co enterro da sardiña, sardiñada popular e torrexas.

Como  ben reza na saúda do alcalde: “Chegou o entroido. Chegaron os días da diversión, os días da transgresión, os días da carne, en definitiva chegaron os días nos que as vianesas e vianeses lles saen os séculos de historia que levan nos seus xenes”.

Fulión
Fulión

Boteiros de Viana
Boteiros de Viana
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta